O Concello de Ames prepárase para acoller a oitava edición do Festival Internacional de Cinema Infantil, Cinema Miúdo, que se celebrará do 13 ao 16 de novembro na Casa da Cultura de Bertamiráns. Este encontro cinematográfico ofrece ao público miúdo galego filmes inéditos, orixinais e sorprendentes, procedentes de diversos países e culturas; así como actividades paralelas como obradoiros e espectáculos.
Como en cada edición, a organización do festival busca activamente pezas que non só teñan valores estéticos e técnicos, senón que tamén propicien un espírito crítico entre a rapazada, poñendo na pantalla temas sensibles e problemáticas actuais. Por iso, para a edición de 2025, Cinema Miúdo presenta unha temática transversal de gran calado: os Dereitos Humanos. Baixo o título Defendamos a paz e os dereitos humanos, o festival porá o foco na importancia da declaración da ONU, exhibindo filmes que exploran e divulgan estes valores fundamentais e a conciencia social.
Convocatoria aberta
Poden optar á sección Axóuxeres (máximo 10 minutos), mentres que as dirixidas a maiores de 7 anos encádranse en Buxainas. As películas en linguas distintas ao castelán ou galego deberán presentarse subtituladas nalgunha destas dúas linguas ou cunha transcrición dos diálogos en inglés, castelán ou galego.
O prazo de inscrición remata o 4 de agosto e os traballos poden enviarse tanto a través de Festhome ou de xeito gratuíto na web do festival. Un xurado profesional e o público outorgarán cinco premios en metálico ás mellores curtametraxes de cada categoría.
Cinema Miúdo
Cinema Miúdo é un festival de cine infantil nado no concello de Ames en 2018 que cada ano crece en número de espectadores e repercusión. O festival, que ten carácter internacional, quere proporcionar ao público miúdo galego a oportunidade de desfrutar de filmes inéditos, orixinais, sorprendentes e de descubrir olladas doutras partes do mundo.
Deste xeito propíciase que a rapazada descubra o gusto polo cinema e fórmase un público futuro con sensibilidade artística, interese cultural e espírito crítico ante o consumo audiovisual. Isto ten especial relevancia para o Concello de Ames, que ten a maior ratio de nenos e nenas de toda Galicia.
Nas anteriores edicións de Cinema Miúdo, o público gozou de sesións con filmes de Galicia, Francia, Corea, India, Afganistán, Marrocos ou Estados Unidos, ademais de sesións específicas para escolares, mesas redondas para a comunidade educativa, obradoiros e sesións musicais.