Esta mañá presentouse a sexta edición do festival internacional de cinema infantil de Ames. Na presentación estiveron presentes o alcalde de Ames, Blas García; a deputada da área de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; o director do festival Cinema Miúdo, Juan de Castro; e maila técnica municipal do departamento de Cultura, María Vázquez. Ademais, acudiu á presentación alumnado das escolas unitarias de Covas e Ortoño, que puideron ver en primicia tres curtametraxes que recollen os valores do festival. Nesta edición como novidade inclúese unha sesión especial fóra de concurso pensada para ser compartida entre avoas e avós e as súas netas e netos con traballos que xiran arredor da familia. Ademais, por primeira vez haberá sesións escolares para mozos e mozas que cursan secundaria. As entradas estarán dispoñibles na Billeteira electrónica dende o martes 7 de novembro.
Entre o 16 e o 19 de novembro as nenas e nenos de Ames e do resto de Galicia teñen unha cita co mellor do cinema infantil producido no mundo no último ano. Isto é grazas á celebración de Cinema Miúdo, o festival do sétimo arte especialmente dirixido á cativada, no que a proxección de curtametraxes combínase con obradoiros creativos, actividades para escolas, sesións especiais e actuacións de música, circo e maxia. Catro días de programación pensada para brindar ás nenas e nenos a oportunidade de desfrutar de filmes inéditos, orixinais, sorprendentes e de descubrir olladas doutras partes do mundo a través do cinema. O seu obxectivo desde 2017 é formar un público futuro con sensibilidade artística, interese cultural e espírito crítico ante o consumo audiovisual.
O alcalde, Blas García, destacou “a importancia de apostar por este festival como elemento primordial na aprendizaxe e educación dos nenos e nenas. Este ano a temática de Cinema Miúdo xira arredor da diversidade nas familias, un tema co se traballará previamente nos centros de ensino. Ademais, este ano como novidade os mozos e mozas que cursan secundaria asistirán ás sesións escolares do festival. Como concello máis xoven que somos de Galicia temos a obriga de apostar por iniciativas como Cinema Miúdo e trataremos de seguir potenciándoa en vindeiras edicións co obxectivo de achegarlle a cultura do audiovisual aos rapaces e rapazas de Ames. Anímovos a que veñades cos vosos pais e nais a este festival porque ides a descubrir moitas curtas que vos van a sorprender”.
Por outra banda, a deputada da área de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, explicou que “este festival naceu cando eu traballaba no Concello de Ames e paréceme algo marabilloso porque permite achegarlle o cine aos nenos e nenas de Ames. É algo no que fomos traballando dende hai tempo para que se poidan ver as mellores curtas a nivel internacional nos auditorios de Ames. Houbo unha aposta moi importante por parte do Concello para poñer en marcha este festival, algo do que me sinto moi orgullosa. Eu agora como deputada de Cultura na Deputación da Coruña quero amosar o compromiso da Deputación con este proxecto, xa que é un dos mellores que temos en toda a provincia e incluso podo dicir que en Galicia”.
O director do festival Cinema Miúdo, Juan de Castro, dirixiuse aos nenos e nenas das escolas unitarias de Covas e Ortoño e díxolles que “nesta edición do festival se van a proxectar máis de 60 curtas. Tedes que dicirlles aos vosos pais e nais que teñen que vir convosco a este festival de cine. Ademais, este ano temos unha sesión especial fóra de concurso para que poidades vir con vosos avós e avoas e recibiredes un agasallo. Queremos que sexa o festival máis importante de Galicia de cinema infantil. Por iso temos curtas de Australia, Nova Zelandia, Estados Unidos e de moitos outros países. Ademais, contaremos con actuacións de circo, obradoiros, etc”.
A técnica municipal do departamento de Cultura, María Vázquez, explicou que “Cinema Miúdo é un festival que naceu no ano 2017 como o primeiro festival internacional de cine de Galicia. Como Ames é o concello con poboación máis nova de Galicia decidimos poñer en marcha esta iniciativa que está dirixida á rapazada e tamén á mocidade. Ten como obxectivo que os rapaces e rapazas descubran o seu interese polo cinema, fomentar o espírito crítico ante o consumo de audiovisual, e crear sensibilidade artística. Cremos que o cinema é un recurso moi importante para a educación, para a aprendizaxe e para espertar a creatividade”.
Selección oficial, o mellor do cinema infantil internacional
A selección oficial está dividida en dous bloques por idades: axóuxeres, para nenas e nenos de entre 2 e 7 anos; e buxainas, para maiores de 7. Está formada por curtametraxes internacionais inéditas e complicadas de atopar nas plataformas que espertan nas xeracións máis novas empatía e a vontade de descubrimento cara outras culturas. Nesta sexta edición crece o número de curtametraxes seleccionadas, de 35 en 2022 a máis de 60. Os bloques Axóuxeres e Buxainas serán proxectados o venres pola tarde, sábado todo o día e domingo pola mañá.
Nesta sexta edición a programación xirará arredor das familias, facendo fincapé na súa diversidade e amosando familias de todo tipo e de varias partes do mundo. As curtas da selección oficial compiten por alzarse cos premios do xurado e o público e serán as nenas e nenos ás que, cos seus votos ao finalizar cada sesión, decidan os filmes gañadores. Cinema Miúdo repartirá máis de 1.400 euros en premios.
A hora dos avós
Ademais dos bloques a concurso, Cinema Miúdo conta con sete actividades paralelas que enriquecen e completan a experiencia de acudir ao primeiro festival para moitas nenas e nenos galegos. Por unha parte, contarase cunha sesión especial fóra de concurso pensada para ser compartida entre avoas e avós e as súas netas e netos con traballos que xiran arredor da familia.
El Meu Primer Festival, certame convidado
Como xa ocorreu na anterior edición Cinema Miúdo, o domingo pola tarde proxectarase a Colleita de cinema galego, unha sesión destinada a amosar traballos feitos en Galicia. Outras das sesións de proxeccións especiais será a elaborada por El Meu Primer Festival, na que o certame catalán, o máis reputado de España, confeccionou unha sesión cos mellores traballos da súa última edición para o público de Cinema Miúdo.
O peliculón: ‘Oink, oink!’
A longametraxe de animación dos Países Baixos é o “peliculón” escollido para esta sexta edición. Unha cinta que combina amor polos animais e a familia con chistes escatolóxicos, elaborada mediante a técnica stop motion. A protagonista da historia é unha nena de 9 anos que recibe como agasallo do seu avó un pequeno porco chamado Oink e convence aos seus pais de quedar con el coa condición de adestralo. O porquiño cambiará a súa vida e a de todos na súa familia ata que as cousas empezan a complicarse de maneira inesperada.
Cinema Miúdo
Cinema Miúdo é un festival de cine infantil, que nace no concello de Ames en 2017. O festival quere proporcionar ao público miúdo a oportunidade de desfrutar de filmes inéditos, orixinais, sorprendentes e de descubrir olladas doutras partes do mundo. Deste xeito propíciase que a rapazada descubra o gusto polo cinema e fórmase un público futuro con sensibilidade artística, interese cultural e espírito crítico ante o consumo audiovisual. Algo de especial relevancia para o Concello de Ames, que ten a maior ratio de nenos e nenas de toda Galicia.
A produtora Abella está detrás da programación e produción desta sexta edición. A empresa galega traballou en varias das edicións e asumiu a xestión integral do evento o ano pasado, no que aplica a súa experiencia á fronte doutros festivais de cine como o Galician Freaky Film Festival ou o Primavera do Cine. Tamén repite a autora do cartel, Srta. Doti, que de novo logra unha imaxe atractiva e sinxela que expresa imaxinación e paixón polo cinema a calquera idade.
Novas relacionadas:
Lindeiros: "Ames organiza a sexta edición de “Cinema miúdo"