Pestanas principais

Código Cero e Ollar reciben os galardóns da terceira edición do Premio Lingua e Empresa

Mércores, 30 de decembro de 2020

Este martes, 29 de decembro, realizouse na sala de xuntanzas da Casa do Concello, a entrega dos galardóns ás empresas gañadoras do Premio Lingua e Empresa do Concello de Ames. O xurado da terceira edición deste premio decidiu, por unanimidade, recoñecer o labor e o compromiso coa lingua de dúas empresas do Milladoiro, o Grupo Código Cero Comunicación, revista e web de novas tecnolóxicas de Galicia, e o Centro Óptico e Auditivo Ollar.

Trátase da terceira edición deste premio posto en marcha polas concellarías de Normalización Lingüística e de Promoción Económica. A través desta iniciativa preténdese recoñecer publicamente a contribución ao aumento e á mellora do uso social do galego dende o ámbito empresarial, así como promover o uso da lingua galega na actividade económica do Concello de Ames. Nesta edición o premio establecía dúas categorías, dotadas cada unha delas con 1500€ máis unha campaña de difusión na radio de Ames.

No acto de entrega de premios estiveron presentes o alcalde do -concello de -ames, José Miñones, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, xunto cos técnicos municipais, Jorge Couñago e Rosa Moreiras. Ademais dos membros do xurado, Miguel López Crespo, técnico da Unión de Consumidores de Galicia, e Antía Rei Martiz, graduada en Lingua e Literatura Galegas e colaboradora no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, así como os representantes das dúas empresas premiadas, Xosé María Fernández Pazos, do Grupo Código Cero Comunicación e, María Martínez Cebey, do Centro Óptico e Auditivo Ollar .

O alcalde, José Miñones, destacou a importancia destes premios que relacionan lingua e empresa: “xa van 3 edicións, polo tanto empeza a medrar, pouco a pouco, este galardón que para nós é moi importante polas dúas vertentes que combina e que é moi necesario potenciar tamén de xeito conxunto, a normalización lingüística e a empresa”

A concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, deulle as grazas e a noraboa a todas as empresas participantes pola súa responsabilidade social, polo seu compromiso coa lingua e por seren conscientes das vantaxes do uso do galego na comunicación empresarial. “Noraboa por apostar pola lingua galega no eido empresarial e nos vosos negocios para dar fe de que o galego é un elemento que achega calidade, proximidade, diferenciación e innovación. Oxalá estes recoñecementos sirvan para animar a moitas máis empresas a sumárense ao galego e a non desaproveitar as vantaxes que implica o uso consciente da lingua.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, tamén agradeceu a todas as empresas participantes a súa boa disposición e o seu traballo en galego en tempos tan complexos. “É un ano moi difícil para as empresas e hai que supero da man, empresas, comercios e Concello”.

Por parte do xurado, Miguel López afirmaba que a Unión de Consumidores de Galicia achega a perspectiva da clientela e dá fe de que os usuarios e usuarias valoran positivamente o uso do galego no ámbito empresarial. A lingua é un valor engadido que proporciona a un tempo diferenciación e proximidade e, pola nosa experiencia, o uso da lingua galega lígase habitualmente coa calidade na atención á clientela. Destacou ademais o uso responsable e coherente que fan da lingua ambas as empresas gañadoras desta edición, unha delas cunha traxectoria en galego ligada ao ámbito tecnolóxico desde hai máis de vinte anos e a outra unha empresa de recente creación que desde o inicio tivo moi  claro o uso da lingua tanto na rotulación dos seu establecemento, como na comunicación coa clientela, nas redes sociais e na publicidade en diferentes soportes. 

Empresas gañadoras do III Premio Lingua e Empresa

Nesta edición do premio establecéronse dúas categorías, dotadas cada unha delas cun premio de 1500 euros e cunha campaña de difusión na radio municipal, 

Na categoría A, de uso consolidade da lingua, na que participaban empresas que realizan un uso estable e continuado da lingua galega dende hai máis de dous anos, a empresa gañadora foi Código Cero, polo seu labor decidido e comprometido a prol da normalización lingüística no eido da comunicación, nomeadamente no ámbito tecnolóxico. O xurado destacou a aposta pola lingua galega como elemento de marca, o impacto da publicación e a relevancia da súa actividade. Xosé María Fernández, representante da empresa, salientou a a importancia destes premios e animou a que se consoliden dado que “iniciativas como estas son cada día máis necesarias porque a situación do galego está indo a peor”.

Na categoría B, de nova incorporación ou creación, participaron empresas que se crearon nos últimos dous anos ou que se incorporaron ao galego dentro dese mesmo período.  A empresa premiada foi Ollar, un centro óptico e auditivo do Milladoiro por incorporar a lingua á súa actividade de maneira regular, coherente e implicada, apostando claramente polo galego en todos os eidos, tanto internos como externos.

Novas relacionadas: 

El Correo Gallego: "Ames premia a Ollar e ‘Código Cero’ pola difusión do galego"

La Voz de Galicia: "Un trofeo para acabar el año"

 

III Premio Lingua e Empresa.

Multimedia

  • III Premio Lingua e Empresa.
  • III Premio Lingua e Empresa.
  • III Premio Lingua e Empresa.
  • III Premio Lingua e Empresa.