Pestanas principais

A colaboración cidadá e o traballo conxunto de Policía Local e Garda Civil fai posible o arresto de dúas persoas cando tentaban roubar nunha vivenda da urbanización Agro do Muíño en Bertamiráns

Martes, 03 de xullo de 2012

[03-07-2012] A Policía Local de Ames detivo está mañá, en colaboración coa Garda Civil, a dúas persoas que tentaban roubar no interior dunha vivenda situada na urbanización Agro do Muíño de Bertamiráns. Na detención dos dous presuntos atracadores, un home e unha muller, foi moi importante a colaboración cidadá, xa que foi o aviso dun veciño o que alertou aos axentes da Policía Local, que puideron así deter aos sospeitosos in fraganti.

Un dos sospeitosos foi arrestado polos axentes nas inmediacións da vivenda na que acababan de entrar. O outro conseguiu fuxir nun primeiro momento por unha zona de monte próxima á urbanización. Para conseguir deter a este sospeitoso foi preciso a colaboración de maquinaria municipal, debido á dificultade de aceso aos terreos no que se ocultaba. Finalmente, e tras unha persecución foi posible arrestar ao sospeitoso, que foi trasladado xunto ao outro detido ás dependencias da Garda Civil do Milladoiro.

Ata a zona na que se produciu o suceso, desprazouse un importante operativo policial no que colaboraron activamente a Policía Local e a Garda Civil e que fixo posible a detención dos dous sospeitosos. Neste momento, a Garda Civil continúa coas investigacións sobre o caso.

A Policía Local de Ames quere agradecer especialmente a colaboración cidadá, que cos seus avisos contribúen ao éxito destas operacións. A Policía solicita aos veciños a súa cooperación para que alerten aos axentes ante calquera ruído sospeitoso ou ante a presencia dalgunha persoa sospeitosa no entorno.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "La colaboración ciudadana impide un robo en una vivienda de Bertamiráns"
El Correo Gallego: "A colaboración cidadá e o traballo conxunto de Policía Local e Garda Civil fai posible o arresto de dúas persoas cando tentaban roubar nunha vivenda en Bertamiráns"