[12-03-2019] O escenario da Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres A leituga, unha peza teatral que funde cinismo e comedia para amosar a situación dunha familia que conta cun pai en estado vexetativo. Dirixida por Victor Duplá, a obra conta cun elenco de coñecidos e consolidados actores e actrices como Antonio Durán Morris, Mercedes Castro, María Vázquez, Xosé Barato e Federico Pérez. As entradas para acudir a este espectáculo, que comezará as 21.00h, xa están dispoñibles na Billeteira electrónica.
A leituga arrinca cunha cea na que participan tres irmáns e as parellas de dous deles, cinco persoas que se reúnen para celebrar o aniversario do pai, que leva nove anos en estado vexetativo. Así, o que comeza como un compromiso familiar máis remata nunha guerra aberta co obxectivo de decidir cal deles se fará cargo dos coidados do proxenitor.
Durante noventa minutos, abordarase en clave de humor a realidade dunha familia a través dos diversos puntos de vista dos seus cinco membros, poñendo sobre a mesa os vínculos, lealdades e deslealdades, contas pendentes, asuntos non resoltos, parellas, irmáns, pais e fillos, e sentimentos como a culpa, o rancor e o sacrificio. Todo elo para abordar un conflito familiar moi común: que facer cos pais cando se achegan á morte? Unha cuestión onde tanto a moral como a ética xogan un importante papel.
A obra, que se representará este venres 15 ás 21.00h, está dirixida por Victor Duplá, e apoiase na tradución de José Luís López dun texto de César Sierra. O elenco está formado por Antonio Durán Morris no papel de Héctor, Mercedes Castro no de Virxinia, Xosé Barato como Vinicio, Federico Pérez como Víctor e María Vázquez como Dora.
As entradas para acudir a este espectáculo xa poden adquirirse a través da Billeteira electrónica. Os billetes teñen un custo de 5 euros, con descontos do 50% para persoas maiores de 65 anos, menores de 12 e estudantes con carné. Asemade, o 10% das entradas resérvanse, como é habitual, para vender de xeito presencial unha hora antes do comezo do espectáculo.
Contido relacionado
Lindeiros: "A leituga, unha comedia sobre a familia este venres en Ames"
El Correo Gallego: "Morris e Federico Pérez representarán A leituga na Maía"
Compostela 24 horas: "A Casa de Cultura de Bertamiráns acolle a obra "A Leituga""