O próximo venres, 10 de decembro, comeza a cuarta edición do Festival Internacional de Cine Infantil, Cinema Miúdo, de Ames. Trátase dun evento que ano tras ano se vai consolidando e que volve tras un ano de parón por mor da pandemia da Covid-19. Este ano volve con máis ilusión que nunca para levar a maxia do cine á cativada de Ames, da contorna, e de toda Galicia. As persoas que asistan ao festival poderán ver máis de 50 curtametraxes de todo o mundo e participar en diferentes obradoiros. As entradas xa se poden adquirir na Billeteira municipal. Para máis información pódese acceder a www.cinemamiudo.gal.
Será unha edición na que se proxectará unha selección de máis de 50 curtas nacionais e internacionais divididas en dous bloques segundo a idade: “Axóuxeres”, para nenas e nenos a partir de dous anos, e “Buxainas”, para aquelas rapazas e rapaces de sete anos en adiante. Ademais, proxectarase a película “A galiña Turuleca”. As entradas xa se poden adquirir na Billeteira electrónica do Concello de Ames. No caso de que quedan entradas dispoñibles tamén se poderán mercar nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo. Para máis información pódese acceder a www.cinemamiudo.gal.
Paralelamente, haberá un taller de maquillaxe de efectos especiais, para nenas e nenos de entre 7 e 12 anos, e un taller de stop motion para nenas e nenos de 5 a 7 anos. Ofrécense 15 prazas para cada taller. Para participar hai que inscribirse enviando un correo electrónico con nome, apelidos e un número de telefono de contacto, ao enderezo cultura@concellodeames.gal.
Tamén se poderá participar en sesións musicais cunha festa dos videoclips galegos e proxeccións complementarias (co Festival convidado Olloboi e pase de curtas OQO). Unha exposición do artista de efectos especiais de maquillaxe, Alberto Hortas, de 4 Ojos Estudio, na Casa da Cultura de Bertamiráns, completa o programa. Premendo nesta ligazón podes descargar o catálogo da cuarta edición do Festival Internacional de Cine Infantil de Ames.
Subliñar que nesta ocasión, as sesións específicas para escolares faranse de xeito telemático por motivos de prevención ante a pandemia.
Programación do festival
A axenda de actividades dará comezo o vindeiro venres, 10 de decembro, ás 17,00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Será a xornalista, Loly Gómez, a encargada de presentar o Festival. Ademais, tanto nas sesións de inauguración como de clausura haberá unha actuación de maxia a cargo do ilusionista, Carlos Tomico, da compañía “Maxia na manga”. A primeira sesión será da sección de “Axóuxeres” (para nenas/os a partir de dous anos), e, ao redor das 18.00 horas, será a quenda para a sección “Buxainas” (rapazas e rapaces de máis de 7 anos).
O sábado 11 segue o Festival de Cinema Miúdo coa Casa da Cultura de Bertamiráns como epicentro das actividades. Ás 12.00 horas comeza a sección “Axóuxeres”, e sobre as 12.45 horas, a sección “Buxainas”. Pola tarde, ás 17.00 horas volverá ser a quenda das “Buxainas”; ás 17.45 horas, proxectarase unha selección de curtas da produtora OQO. Remata a xornada ás 18.45 horas coa proxección da longa “A galiña Turuleca”.
O domingo 12 será a última das xornadas de Cinema Miúdo. Durante esta xornada o festival trasládase á Casa da Cultura do Milladoiro. As proxeccións comezan ás 12.00 horas coa sección “Axóuxeres” e, ás 12.45 horas, será a quenda da “Festa dos videoclips galegos”. Xa pola tarde, ás 17.00 horas, o protagonista será o Festival convidado Olloboi, cunha selección das súas curtas, antes de dar paso ao acto de clausura do Festival, e entrega de premios, que comezará ás 18.00 horas, novamente con Loly Gómez e mailo ilusionista Carlos Tomico.
Actividades paralelas
O sábado 11 na Casa da Cultura de Bertamiráns, haberá un taller de “Maquillaxe de efectos especiais”, para nenas e nenos de entre 7 e 12 anos. Tamén o sábado 11 de decembro na Casa da Cultura de Bertamiráns impartirase un taller de “Stop motion” para nenas e nenos de 5 a 7 anos. Serán de 11.00 a 12.30 horas.
Tamén nesta xornada haberá unha exposición de pezas do artista de efectos especiais de maquillaxe, Alberto Hortas, de 4 Ojos Estudio, na Casa da Cultura de Bertamiráns.
O domingo 12 terá lugar un segundo obradoiro de “Stop motion” na Casa da Cultura do Milladoiro, de 11.00 a 12.30 horas.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Loli Gómez vai presentar Cinema Miúdo con curtas, obradoiros e maxia"