Pestanas principais

Comeza hoxe o prazo de pre-inscrición para as prazas vacantes da EMMA

Luns, 06 de xuño de 2016

[06-06-2016] Este luns, 6 de xuño, ábrese o prazo de pre-inscrición na Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) para aqueles nenos e nenas que nunca estiveron matriculados. Os documentos para realizala estarán dispoñibles na páxina web e en oficinas municipais e poden entregarse até o 17 de xuño. As prazas vacantes serán adxudicadas a través dun sorteo público que se levará a cabo na Casa da Cultura do Milladoiro o luns 27 ás 16:30 horas.

Baixo o apartado de descargas, á dereita deste texto, están dispoñibles os documentos a cubrir e entregar. Tamén se poderá recoller na Casa da Cultura do Milladoiro, entre as 9:30 e as 13:00 horas ou no Pazo da Peregrina de Bertamiráns entre as 9:30 e as 14:00 horas. Na primeira páxina atópase a solicitude de inscrición, na que se deberán completar os datos persoais da persoa que se quere inscribir, o seu instrumento de preferencia e unha autorización da nai ou do pai en caso de que esta sexa menor de idade. A segunda páxina informa das clases instrumentais que imparte a EMMA e do número de prazas e horarios de cada unha. Na derradeira folla atópase o formulario para a domiciliación bancaria do pago das taxas mensuais.

A documentación deberá entregarse debidamente cumprimentada no rexistro xeral do Concello de Ames, no rexistro auxiliar do Concello no Pazo da Peregrina ou no rexistro da oficina municipal do Milladoiro. Non se aceptarán solicitudes fora de prazo.

Este curso a EMMA oferta 32 prazas; 14 para nenas e nenos de entre 4 e 5 anos e 17 para maiores de 7. Os primeiros poden asistir as clases de música e movemento, que se impartirán os luns e mércores de 16:30 a 17:30 horas para o alumnado de 4 anos (2 prazas), e os luns e mércores de 17:30 a 18:30 para o alumnado de 5 (12 prazas). Para os segundos ofértase 1 praza para piano, impartida os martes, outra para batería/percusión, impartida os luns, 2 prazas para guitarra/baixos os luns e outras 2 os mércores, 1 praza para viola/violín os luns e 3 prazas os xoves, 1 praza para canto moderno os xoves, outra de saxofón os luns e 2 os mércores e, por último, 1 praza os martes e 2 os venres para frauta traveseira.

As prazas vacantes de Linguaxe Musical adxudicaranse ao alumnado que obteña tamén praza en instrumento. Os horarios desta materia poraos a profesora da materia o día do sorteo de prazas, luns 27 de xuño, ás 16:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, en función do nivel de coñecementos do ou da estudante. No sorteo terase en conta a orde de preferencia de instrumentos. Elaborarase ademais unha lista co estudantado que non obteña praza, de forma que se poidan cubrir posibles baixas ao longo do curso 2016-2017.

Formalización da matrícula e comezo das aulas
A formalización da matrícula poderase realizar tralo sorteo público de prazas e ata o día 8 de xullo, co pago da matrícula. Os e as solicitantes que obtivesen praza recibirán por correo electrónico a folla de autoliquidación da taxa da matrícula, que tamén se poderá recolle na oficina de recadación do Concello de Ames ou na oficina que a EMMA ten na Casa da Cultura do Milladoiro.

As aulas comezarán o 19 de setembro e impartiranse no Centro de usos múltiples de Aldea Nova. Seguirán o calendario escolar, polo que durante as vacacións de Nadal, Entroido e Semana Santa a EMMA permanecerá pechada. O venres 16 de setembro, ás 20:00 horas, haberá unha reunión de inicio de curso na Casa da Cultura do Milladoiro.

Para máis información pódese acudir directamente á Casa da Cultura do Milladoiro, en horario de 9:30 a 13:00 horas, chamar ao teléfono 981535940 ou enviar un correo electrónico ao enderezo escolademusica@concellodeames.gal.