Pestanas principais

Comeza no Pazo da Peregrina o curso de monitor de fútbol base con 50 persoas inscritas

Martes, 18 de novembro de 2014

[18-11-2014] O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleu este luns pola tarde o acto inaugural do curso federativo de monitor de fútbol base. Este evento deportivo, que está organizado pola Federación Galega de Fútbol, conta coa autorización da Real Federación Española de Fútbol, e coa colaboración do Concello de Ames. Neste curso están participando 50 persoas que terán que completar 65 horas lectivas para obter o diploma federativo de monitor de fútbol base. Esta actividade desenvolverase ata o venres 3 de xaneiro de 2015. Ao acto de inauguración asistiron a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín Vicente, o director da Escola Galega de Adestradores, Manuel Mosquera Bastida, e o delegado da Federación Galega de Fútbol en Santiago, Quico Fernández Otero.

O Concello de Ames colabora na organización do curso federativo de monitor de fútbol base. Esta actividade está organizada pola Federación Galega de Fútbol e conta coa autorización da Real Federación Española de Fútbol. Este curso consta de 65 horas lectivas que, unha vez superadas, permitiralle aos asistentes adestrar equipos federados ata a categoría de cadetes. As clases comezaron este luns, 17 de novembro, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns e desenvolveranse nestas instalacións e no campo de fútbol municipal de Bertamiráns ata o venres 3 de xaneiro de 2015.

Neste curso están participando 50 persoas que obterán o diploma federativo de monitor de fútbol base. Cómpre destacar o éxito de participación que está tendo este curso xa que en principio ofertábanse 35 prazas, pero ante a gran demanda que houbo incrementáronse para que todos os solicitantes puidesen participar nesta actividade. É importante que o persoal dos clubs de fútbol realicen este curso e obteñan este diploma, xa que de cara a temporada 2015-2016, esixíraselle a todas as persoas unha titulación mínima para poder adestrar a un equipo de fútbol.

A través deste curso o alumnado completará a formación de monitor de fútbol base, mediante os ensinos dirixidos á obtención do diploma federativo. Este curso ten por finalidade proporcionarlle aos alumnos a formación que garanta a adquisición dos coñecementos e habilidades necesarias que permitan desenvolver o seu labor, mediante competencia técnica e profesional nas competicións organizadas pola Federación Galega, con profesionais que actuaron no ámbito do fútbol, utilizando os medios materiais e humanos que dispón a Federación Galega de Fútbol.

Os alumnos que rematen o curso posuirán coñecementos xerais actualizados no referente ao adestramento do fútbol de base. Este diploma acredita ao alumnado para adestrar equipos federados ata a categoría de cadetes (excepto as ligas de división de honra cadete, liga galega cadete e liga galega infantil, onde será necesario a partir da tempada 2015/2016 o curso de nivel 1).

Para a obtención do diploma federativo é preciso a asistencia ao 80% das sesións presenciais. En caso de non aprobar unha ou máis materias, o alumnado poderá presentarse a exame nunha convocatoria extraordinaria fixada polo Centro Federativo convocante. Non se deberá abonar ningunha cantidade adicional por dereitos de exame.

Contidos do curso
Algúns dos contidos que se tratarán neste curso serán os conceptos de técnica (individual e colectiva); táctica (estratexias e sistemas); adestramento deportivo (preparación física); regras do xogo; medicina do deporte; psicoloxía aplicada; metodoloxía aplicada; dirección de equipos; e regulamentación deportiva (lei do deporte, real decreto de ensinanzas, regulamento federativo, cursos de adestradores, e titulacións de técnicos).

Ademais, a realización deste curso permite a obtención da especialidade: “Fútbol”, avalado pola Escola Nacional de Adestradores da Real Federación Española de Fútbol, que á súa vez permite a convalidación do bloque de prácticas a realizar cando efectúen o curso de nivel 1 “Federativo” de Instrutor de Fútbol Base.