Pestanas principais

Comeza o curso de iniciación ao piragüismo con 18 participantes

Xoves, 07 de xullo de 2011

[07-07-2011] Co fin do curso lectivo e o inicio da tempada estival, os rapaces e rapazas amienses poden gozar, dende o 1 de xullo, dunha variada oferta lúdica sempre dende unha óptica educativa. O verán comezou e as actividades acuáticas convértense na principal aposta do Concello de Ames para entreter as persoas máis novas. O curso de iniciación ao piragüismo é, xunto coa natación, unha das súas actividades estrela. A praia fluvial de Tapia acolle, dende o pasado venres, esta actividade que se vai desenvolver durante os meses de xullo e agosto e que conta, arestora, coa participación de 18 rapaces e rapazas de entre 8 e 14 anos.


O prazo de inscrición mantense aberto ata que se complete a totalidade das prazas ofertadas. A actividade conta cun total de 50 prazas dividas en dúas quendas para os meses de xullo e agosto. Hai dous cursos para os rapaces e rapazas destas idades, un en xullo e outro en agosto, e ofértanse 25 prazas por curso. O prazo de inscrición non ten límite de data, polo que os rapaces e rapazas interesados poderán apuntarse ata completar as prazas. O prezo desta actividade é de 30 euros.

As inscricións, poderán realizarse na Casa da Cultura do Milladoiro e na Oficina de Cultura e Deportes de Bertamiráns (Pazo da Peregrina) das 9:00 h. ás 14:00 horas. Cómpre salientar que as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.


Coa chegada do verán organízanse diferentes actividades acuáticas. Un claro exemplo disto é o curso de iniciación ao piragüismo que se desenvolve durante os meses de verán na praia fluvial de Tapia, nunhas instalacións inmellorables para a práctica deste deporte. Estas actividades serán impartidas polo Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre e contan coa colaboración do Concello de Ames. As clases realizaranse, con independencia do estado meteorolóxico, os luns, mércores e venres, en horario de 16:30 h. a 18:00 horas.

Nestes primeiros días, os nenos e nenas amienses dedícanse a aprender as bases sobre as que se sustenta este deporte e, a súa vez, adquiren as primeiras habilidades no dominio da pa fóra e dentro da auga. Antes de subiren na embarcación, os rapaces e rapazas dedican uns minutos a quecer practicando coa pa fóra do río Tambre. A continuación soben nas piraguas para seguir coas leccións. Unha das primeiras cousas que aprenderon foi o que hai que facer en caso de caer da embarcación. A través deste curso trátase de ofrecer unha pequena achega ao piragüismo, unha disciplina que cada vez adquire maior presenza e potencial como actividade deportiva.