Pestanas principais

Comeza o Nadal en Ames co acto de acendido do alumeado

Xoves, 09 de decembro de 2021

O tradicional acto de acendido das luces abriu oficialmente o tempo de Nadal en Ames na tarde do mércores, 8 de decembro. Dende ese momento, as luminarias engalanan os principais edificios municipais e iluminan as rúas e as prazas do Milladoiro, de Bertamiráns e das parroquias amesás. Carmen Cuevas, gañadora na categoría infantil do concurso Canta con Ames foi a encargada de premer o botón de acendido das luces. O acto, que se celebrou na Casa do Concello de Bertamiráns, contou coa actuación musical do alumnado da Escola Municipal de Música de Ames e cunha chocolatada con churros gratuíta.

Un gran número de veciños e veciñas achegáronse na tarde deste mércores, 8 de decembro, ata a praza do Concello, para participar no acto de acendido das luces de Nadal. A partir dese momento, as principais rúas do Milladoiro, Bertamiráns e das parroquias amesás quedaron engalanadas con motivo das festas de Nadal. Deste xeito, colocáronse máis de 100 arcos nas rúas, arcos de Boas Festas e ilumináronse as principais prazas dos núcleos urbanos. Tamén se colocou iluminación de Nadal nos edificios municipais e decoráronse os farois e arbores das rúas amesás.

Os principais elementos decorativos están colocados en Bertamiráns, onde se instalou unha “A” de Ames na praza do Concello (este é un dos elementos decorativos novos deste ano); e un motivo luminoso co número 2022 na praza da Maía. Tamén no Milladoiro hai diferentes elementos decorativos: unha árbore artificial iluminada na praza de Manuel Murguía; e unha bola xigante na praza da Madalena. Ademais, colocouse unha manta de luces que cubre unha parte da rúa de Anxeriz, no Milladoiro. O alumeado de Nadal manterase acendido ata o vindeiro 6 de xaneiro.

A inauguración da decoración correu a cargo de Carmen Cuevas, gañadora na categoría infantil do concurso Canta con Ames, que acompañou ao alcalde de Ames, Blas García, a á concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e a varios concelleiros/as do grupo de goberno no acendido do alumeado de Nadal. O acto, que se celebrou na Casa do Concello de Bertamiráns, contou coa actuación musical do alumando da Escola Municipal de Música de Ames que interpretou o tema Volver a casa por Nadal.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destacou a gran acollida que tivo entre a veciñanza de Ames o acto de acendido das luces de Nadal. “Un gran número de veciños e veciñas achegáronse ata a praza do Concello para participar nesta acto co que se dá inicio a programación de Nadal. Unha programación que se prolongará ata principios de xaneiro e que está cargada de actividades para encher de vida as rúas de Ames. Con esta programación de Nadal buscamos seguir dinamizando o comercio e a hostalaría local ao tempo que enchemos de vida as rúas do concello”.

Casa do Concello iluminada

Multimedia

  • Público que asistiu ao acto
  • A inauguración da decoración correu a cargo de Carmen Cuevas, gañadora na categoría infantil do concurso Canta con Ames
  • O alumando da Escola Municipal de Música de Ames interpretou o tema Volver a casa por Nadal
  • En Bertamiráns instalouse unha “A” de Ames na praza do Concello
  • En Bertamiráns tamén se instalou un motivo luminoso co número 2022 na praza da Maía
  • Comeza o Nadal en Ames co acto de acendido do alumeado
  • Comeza o Nadal en Ames co acto de acendido do alumeado
  • Comeza o Nadal en Ames co acto de acendido do alumeado