Pestanas principais

Comeza o prazo de preinscrición para participar no curso 2020-2021 do programa Amessan; `Espreguiza corpo e mente´

Venres, 18 de setembro de 2020

O Concello de Ames presenta a programación 2020-2021 de actividades para persoas maiores de 60 anos. Os cursos de decoración e restauración; estimulación cognitiva; ximnasia terapéutica; e música tradicional galega, impartiranse nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais de Agrón, Ameixenda, Bugallido, Covas, Cruxeiras, Lens, Piñeiro, Tarroeira, Trasmonte e Oca. Ademais, este ano impartiranse actividades no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, e na Casa dos Maiores, no Milladoiro. O prazo de preinscrición está aberto do 18 ao 28 de setembro. As persoas que estean interesadas deben enviar un correo electrónico ao enderezo: voluntariado@concellodeames.gal; ou chamar ao 662 377 044, de 09.00 a 14.00 horas. As actividades de dito programa comezan o vindeiro 5 de outubro.

A Concellería de Benestar Social xa ten pechada, baixo o lema `Espreguiza corpo e mente´, a programación do curso 2020-2021 do programa `Amessan´. Estas actividades desenvólvense nas Casas de Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais de Agrón, Ameixenda, Bugallido, Covas, Cruxeiras, Lens, Piñeiro, Tarroeira, Trasmonte e Oca. Este ano como novidade impartiranse actividades no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, e na Casa dos Maiores, no Milladoiro.

Os obradoiros desta iniciativa están dirixidos a persoas maiores de 60 anos empadroadas no concello de Ames. Neste programa tamén poden participar aquelas persoas con diversidade funcional, presentando un informe médico, que recomende a súa asistencia a algunha das aulas. A oferta deste curso inclúe cursos de decoración e restauración; estimulación cognitiva; ximnasia terapéutica; e música tradicional galega, pensados sobre todo para cuidar a saúde física e emocional dos amesáns "máis veteranos".

Ponlle fin a fenda dixital
Estes cursos complementaranse este ano, como novidade, coa continuación do programa "Ponlle fin a fenda dixital", incluíndo obradoiros de competencias dixitais básicas que se levarán a cabo tanto na Casa dos Maiores como nos locais sociais e Casas da Cultura.

Formaranse grupos reducidos onde aprenderán o manexo do móbil como medio de comunicación e participación social, a usar as funcións máis básicas e avanzadas, instalación e funcionamento de aplicacións básicas como WhatsApp, correo electrónico e solicitude de cita médica, que lles permita unha certa autonomía e conexión á rede.

Deberase realizar unha preinscrición previa
A diferenza dos cursos pasados, debido ás restricións sanitarias, este ano, as persoas que estean interesadas en participar deben realizar unha preinscrición previa. Non se poderá facer a inscrición o primeiro día de cada actividade. Deste xeito, este venres 18 de setembro ábrese o prazo para preinscribirse. Para iso hai que enviar un correo electrónico ao enderezo: voluntariado@concellodeames.gal; ou chamar ao número de teléfono 662 377 044, en horario de 09.00 a 14.00 horas.

O prazo de preinscrición estará aberto ata o día 28 de setembro. O mércores, 30 de setembro, publicarase a lista de admitidos/as. Seguiranse todos os protocolos sanitarios de protección fronte a Covid-19 seguindo a normativa vixente. Non obstante, o Concello resérvase o dereito de cancelar as actividades por motivos de organización e/ou sanitarios. Este ano faranse grupos reducidos. Terán prioridade as persoas de maior idade e/ou con patoloxías acreditadas. Haberá un mínimo de participantes para levar adiante cada actividade.

Promoción do envellecemento activo
A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, destaca que "aínda que somos un concello moi novo non podemos esquecer que tamén temos unha porcentaxe de poboación de maior idade á que temos que ofrecer actividades que melloren a súa calidade de vida, que os manteña activos e conectados. O envellecemento da poboación é un dos retos que temos que abordar como Concello, porque para ter unha sociedade forte e de futuro temos que promover unha terceira idade activa e con calidade de vida. Os Concellos temos a obriga de facilitarlles eses instrumentos para conseguir a súa implicación social, permitindo ás persoas realizar todo o seu potencial de benestar físico, social e mental o longo do seu ciclo vital participando nas actividades de acordo cas súas necesidades, desexos e capacidades".

Estas actividades están todas deseñadas para mellorar a capacidade e benestar físico influíndo así tamén no estado de ánimo, aumentar a autoestima, favorecer os vínculos sociais, aumentar a súa capacidade artística e corporal, manter as capacidades cognitivas e motoras en funcionamento.

Licitación do servizo
Por outra banda, cómpre destacar que a Xunta de Goberno Local adxudicou o pasado 3 de setembro, á empresa Osventos Innovación en Servizos, o contrato do servizo de impartición de actividades de prevención, promoción da saúde e dinamización de persoas maiores e persoas con diversidade funcional, enmarcadas no programa Amessan.

O contrato adxudicouse por un período de dous anos, podendo prorrogarse anualmente  ata un máximo de catro anos. O importe de adxudicación do contrato ascende a 86.869 euros. O prezo da hora é de 18,13 euros, impartíndose un total de 4.792 horas durante os cursos 2020-2021 e 2021-2022. Ademais, o novo contrato inclúe o incremento de actividades, a celebración de charlas e maila realización dunha excursión lúdico-cultural ao final de cada curso.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Maiores de sesenta anos teñen abertas xa as preinscricións para o Amessan"

Cartel informativo programa Amessan 2020-2021