Pestanas principais

Comeza o programa de actividades do 25N do Concello de Ames, “Que o meu machismo non se converta no teu problema”

Xoves, 17 de novembro de 2022

O Concello de Ames organiza, un ano máis, distintas actividades e obradoiros con motivo do Día internacional da eliminación da violencia contra a muller, que se conmemora o día 25 de novembro. O programa dá comezo hoxe, xoves 17, cunha andaina contra as violencias machistas, e estenderase ata o próximo 1 de decembro, coas tradicionais xornadas “Achégate á Igualdade” como colofón.

“Que o meu machismo non se converta no teu problema” é o lema da campaña que organiza a Concellaría de Benestar Social e Igualdade do Concello de Ames para conmemorar o Día internacional da eliminación da violencia contra a muller 2022. Nesta ocasión, ponse o foco sobre os machismos e micromachismos que as mulleres sofren no día a día, facendo especial fincapé no papel da mocidade á hora de erradicar estes comportamentos.

O programa de actividades dá comezo hoxe, 17 de decembro, cunha andaina contra as violencias machistas na que se repartirán camisolas lilas, e que se organiza dende o programa SaúdeAndo. Os participantes sairán dende o centro de saúde do Milladoiro ás 17:30 horas. O vindeiro xoves, 24 de novembro, terá lugar a mesma actividade, pero con saída dende o centro de saúde de Bertamiráns.

Programación cultural e acto institucional
O sábado 19 de novembro representarase a obra teatral “SOA”, que retrata a vida dunha muller maltratada que convive cun marido tolo e cun cuñado enfermo, e que lidia ademais coa soidade, a tristura e a claustrofobia. “SOA” relata o traxecto vital da muller, encarnada pola actriz Rogelia dos Outeiros, e a maneira na que esta se enfronta á súa situación apoiándose nunha veciña que acaba sendo a súa confidente. Será ás 20:30 horas na Casa da Cultura do Milladoiro, e os convites xa se poden retirar de balde na billeteira electrónica do Concello de Ames.

O propio venres 25 de novembro ás 17:00 horas será cando se celebre, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, un acto institucional de conmemoración. Ofrecerase unha charla informativa sobre violencias machistas e agresións sexuais, que se impartirá dentro do marco de acción da Secretaría Xeral de Igualdade 2022. Ademais, repartirase merchandising co lema da campaña deste ano, “Que o meu machismo non se converta no teu problema”. Os asistentes poderán desfrutar tamén dunha pequena performance e dunha actuación da man dos alumnos da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA).

Xornadas “Achégate á Igualdade”
Un ano máis, o Concello volve a organizar as xornadas Achégate á Igualdade”, que se desenvolverán o día 1 de decembro na Casa da Cultura de Bertamiráns. Nesta ocasión participarán profesionais da área da violencia machista, educadores, docentes e profesionais dos ámbitos da psicoloxía e da orientación, que impartirán dúas conferencias e unha mesa redonda.

O programa dará comezo ás 9:30 horas, cunha mesa de apertura institucional. Posteriormente, ofrecerase a primeira conferencia, “Adolescencias e sexualidades: influencia do inconsciente pornográfico”. Será presentada polo psicólogo Juan Carlos Permuy, coordinador do programa “coidadosÁmente”, e contará coa presenza da psicóloga e sexóloga Vanesa Rodríguez Pousada, que é vicepresidenta da Sociedade Galega de Sexoloxía (SOGASEX) e membro da directiva da Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e na Adolescencia (ASEIA).

Ás 11:30 celebrarase a mesa redonda, na que intervirán a terapeuta do Programa de atención psicolóxica a mulleres que sofren violencia de xénero do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG), Concepción Rodríguez, a directora do centro de acollida de mulleres vítimas de violencia machista en Ferrol, Chus Olivares; e a directora do Centro de Información á Muller (CIM) do Concello de Ames, María Teresa Arufe. O coloquio estará moderado por Mónica Antelo, psicóloga do CIM.

Para finalizar, ás 12:30 horas haberá unha segunda conferencia, “Construíndo un mundo sen violencia sexual: ética e estratexias feministas”, presentado pola psicóloga Belén Montesa, coordinadora dos programas de prevención de “coidadosÁmente”, e que protagonizará Amelia Tiganus, activista e escritora feminista.

Estas xornadas están abertas a todo o público e son gratuítas, aínda que o aforo é limitado e para anotarse é necesario enviar un enderezo electrónico ao correo achegate22@gmail.com, indicando nome, apelidos e forma de asistencia: presencial ou a través de streaming. As prazas serán asignadas por orde de inscrición.

Novas relacionadas:

AMS GO!: "Comezan as actividades polo 25-N en Ames"

El Correo Gallego: "Acto no Pazo da Peregrina para plantarlle cara á violencia"

Comeza o programa de actividades do 25N do Concello de Ames, “Que o meu machismo non se converta no teu problema”

Multimedia

  • Comeza o programa de actividades do 25N do Concello de Ames, “Que o meu machismo non se converta no teu problema”