[25-03-2013] Un ano máis pola Semana Santa ponse en marcha o programa da Primavera lúdica, a través do cal se fai máis doada a conciliación da vida familiar e laboral de moitos veciños e veciñas amienses. Nesta edición participan un total de 133 nenos e nenas. Os rapaces e rapazas empregan as instalacións do comedor do CEIP da Maía de Bertamiráns, mentres que no Milladoiro están na Casa da Cultura e na Escola de educación infantil desta localidade. A Primavera Lúdica desenvolverase durante os días 25, 26, 27 de marzo e o 1 de abril. Nestas xornadas levaranse a cabo diferentes actividades lúdicas destinadas ao entretemento e á aprendizaxe dos máis pequenos. O horario deste programa será dende as 7.30 h ás 16.00 horas.
O programa da Primavera Lúdica asegúralles aos nenos/as horas de entretemento instrutivo e lúdico, mentres os pais/nais se atopan no seu posto de traballo, tentando facer máis doada nas datas das vacacións de Semana Santa a conciliación entre o coidado dos nenos/as e a vida laboral. Nesta edición da Primavera Lúdica participan un total de 133 nenos e nenas de todo o concello repartidos entre Bertamiráns e O Milladoiro. Este programa está dirixido aos cativos e cativas escolarizados no segundo ciclo de educación infantil e primaria e que están empadroados no concello de Ames.
Con este servizo ofértase unha alternativa que, ademais de ocupar o tempo de lecer dun xeito divertido e educativo na época de vacacións escolares, permítelles ás nais e pais conciliar a vida laboral e familiar. Estas actividades realízanse durante os días 25, 26, 27 de marzo e o 1 de abril, en horario de 07:30 h e as 16:00 horas. En Bertamiráns, as actividades desenvólvense para todos os cativos/as e durante todos os horarios no comedor do CEIP A Maía. No Milladoiro, os nenos e nenas están divididos entre a Escola Infantil (onde se atopan os nenos e nenas entre 3 e 5 anos) e a Casa da Cultura (nestas dependencias están os nenos/as de entre 6 e 12 anos).
Temática das actividades
Este ano a temática das actividades que se desenvolve na Primavera Lúdica de Bertamiráns xira arredor dos xogos populares. Deste xeito, estase desenvolvese un programa de obradoiros que pretende concienciar os nenos e nenas de que se poden divertir a través de xogos tradicionais e confeccionando diferentes xoguetes con material de refugallo. Durante estes días os nenos e nenas van elaborar varios xoguetes coma un Bob Esponja, o xoga da ra ou un xogo para lanzar discos. O obxectivo destes obradoiros é inculcarlles aos nenos/as a idea de que non é necesario comprar xoguetes novos para pasar un momento divertido e que usando a imaxinación e obxectos reciclados pódense conseguir xoguetes novos.
Por outra banda, no Milladoiro as actividades xirarán arredor do espectáculo. Os monitores e as monitoras buscarán o talento ou habilidade que ten cada un dos nenos/as para preparar un espectáculo. Así, algúns dos rapaces dedicaranse a maquillar aos seus compañeiros, mentres outros serán os encargados do atrezzo. Tamén haberá quen se encargue de presentador o espectáculo. A finalidade destes xogos é que cada neno/a explote aquela habilidade que ten ou que máis lle gustaría ter.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Primavera Lúdica para la Semana Santa amiense"