Pestanas principais

Comeza a terceira edición do curso de galego e castelán para estranxeiros

Martes, 25 de xaneiro de 2011

[25-01-2011] A Oficina de Voluntariado de Ames (OVA) pon en marcha unha nova edición do curso de galego e castelán para estranxeiros. Este obradoiro organízase co obxectivo de dar resposta ás necesidades específicas das persoas que veñen a vivir ou traballar ao Concello dende outros países e que representan o 6% da poboación amiense. As clases impártense os martes e xoves, en horario de mañá de 12:00 h. a 13:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. O curso comeza o martes 25 de xaneiro e rematará a finais do mes de xuño. A encargada de impartir as clases de galego e castelán será unha profesora voluntaria da OVA, Matilde Fernández. Existe unha gran diversidade entre o alumnado que participa neste curso. Hai alumnos/as de diferentes nacionalidades como Brasil, Marrocos, Alxeria, Corea, etc.

O Concello de Ames segue traballando para fomentar a integración das persoas estranxeiras que residen no municipio. Así, a Oficina de Voluntariado de Ames, en colaboración co Servizo de Atención ao Migrante (SAMI) continúan coas clases de galego e castelán, obradoiro dirixido a dar resposta ás necesidades específicas das persoas que veñen a vivir ou a traballar ao concello. Así, poderán aprender o básico das linguas galega e castelán, para que a través do idioma lles sexa máis fácil integrarse na nosa comunidade.

Ames é un dos concellos de Galicia cun maior crecemento demográfico, duplicando nos últimos 20 anos a súa poboación. Entre outros factores, a inmigración e o retorno de galegos e galegas converteuse nunha das maiores causas que avalaron ese incremento. Desta forma, é preciso levar a cabo unha serie de accións e políticas de comunicación neste eido para dar resposta a unhas esixencias deste sector de veciños e veciñas do municipio.

Actualmente un total de 1.769 persoas censadas en Ames son poboación estranxeira. Deste total, 701 son persoas procedentes directamente de países estranxeiros mentres que 1.068 son poboación estranxeira procedente doutros concellos de España. Con este novo marco de diversidade étnica, cultural e lingüística faise imprescindible promover medidas de integración que fomenten o principio de igualdade de oportunidades como é o caso deste curso que organiza a OVA en colaboración co SAMI.

A terceira edición do curso de galego e español para estranxeiros comeza o día 25 de xaneiro e desenvolverase ata finais do mes de xuño. As clases impartiranse na Casa da Cultura de Bertamiráns en dúas sesións á semana (os martes e os xoves en horario de 12:00 h. a 13:30 horas). A encargada de impartir as clases de galego e castelán é unha profesora voluntaria da OVA, Matilde Fernández. A mestra e pedagoga voluntaria que imparte o curso, non só ofrecerá leccións teóricas senón que a práctica será parte importante na aprendizaxe.

Neste curso séguese un programa de traballo axeitado aos coñecemento de cada alumno/a. Durante as primeiras sesións o alumnado aprende o vocabulario necesario e básico para utilizar o castelán. De seguido comézase coas nocións de expresión oral e gramática, para ir subindo, deste xeito, o seu nivel de coñecemento do idioma, e conseguir, ao final do curso, un nivel suficiente para comunicarse coa comunidade.

Existe unha gran diversidade de nacionalidades entre o alumnado. Así hai alumnos/as de países como Brasil, Marrocos, Alxeria, Corea, etc. As leccións de léxico e gramática permitiranlle aos asistentes a incorporación á comunicación na vida cotiá e o desenvolvemento dunha correcta relación nos seus postos de traballo.

Este curso é totalmente gratuíto e o material necesario para o seu desenvolvemento será proporcionado polo Concello de Ames. Dende a Oficina de Voluntariado de Ames quérese deixar claro que integración é cousa de todos, tanto administracións públicas coma do conxunto da cidadanía. A orde de inscrición regulará o listado de admitidos ata completar o total das prazas ofertadas.

Para responder a calquera tipo de dúbida ou solicitar a asistencia, os interesados dispoñen do teléfono 981 883 703 no que obterán toda a información necesaria do curso. Se o prefiren, poden presentarse na Oficina de Voluntariado de Ames (OVA) en horario de 10:00 h. a 14:00 horas para formalizar a súa inscrición.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Inmigrantes de Argelia, Brasil o Corea, en el curso de castellano para Ames"
La Voz de Galicia: "Ames organiza nuevos cursos de gallego y español para los emigrantes del municipio"