Pestanas principais

Comeza unha nova edición do programa "Amessan", que inclúe actividades lúdicas e de aprendizaxe destinadas especificamente aos maiores do municipio

Martes, 06 de outubro de 2015

[06-10-2015] Un ano máis púxose en marcha o programa "Amessan", que inclúe actividades de xerontoximnasia (ximnasia terapéutica), ludoteca cognitiva (estimulación das funcións cognitivas), obradoiro de música e baile tradicional "Ao son da sacha" e obradoiros de manualidades "Creando fogares". Estas actividades desenvólvense nas Casas de Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais de Agrón, Ameixenda, Augapesada, Bugallido, Covas, Cruxeiras, Piñeiro, Tarroeira e Trasmonte. Durante esta semana aínda se están realizando algunhas das inscricións. Está previsto que haxa máis de 200 participantes.

Este luns, 5 de outubro, comezou unha nova edición do programa municipal Amessan, que inclúe actividades lúdicas e de aprendizaxe destinadas especificamente ás persoas maiores de 60 anos do municipio. Como novidade inicial este curso impartirase a actividade de xerontoximnasia en Trasmonte. Ademais, o goberno anuncia que estará pendente das opinións e demandas dos usuarios/as para ampliar o programa.

Esta semana as concelleiras de Atención Veciñal e Voluntariado, Isabel González, e de Servizos Sociais, Luísa Feijoó, están visitando as distintas instalacións onde se imparte este programa municipal para comprobar de primeira man que todo estea en orde. Durante esta semana aínda se están realizando algunhas das inscricións. Está previsto que haxa máis de 200 participantes.

“A intención é volver a poñer en valor o programa e darlle a importancia que tiña cando foi creado, despois que nestes últimos anos baixara en calidade e en consecuencia en número de participantes”, manifesta a concelleira de Atención Veciñal e Voluntariado, Isabel González Cancela.

Pola súa banda, a concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijoó manifesta que “estar ao carón dos nosos maiores e prestarlle unha atención global e unha cuestión prioritaria para o goberno que atenderá as súas necesidades e demandas como unha prioridade absoluta. Por iso continuamos co proxecto de Amessan e impulsaremos todo o que poidamos”.

Actividades incluídas en Amessan
Na programación deste ano está incluída a actividade de “Creando Fogares”, que se desenvolverá en Agrón os xoves, entre as 17:00 e as 19:00 horas; en Cruxeiras os martes entre as 18:00 e as 20:00 horas; e en Trasmonte os mércores entre as 18:00 e as 20:00 horas. “Ao son da sacha”, o obradoiro de música e baile tradicional, impartirase o martes entre as 17:00 e as 19:00 na Ameixenda, o mércores entre as 16:30 e as 18:30 en Bugallido e o luns, entre as 19:00 e as 21:00 en Trasmonte.

Os obradoiros de memoria que levan o apelativo de “Ludoteca cognitiva” impartiranse na Ameixenda os xoves de 17:00 a 19:00, os luns e mércores de 16:30 a 17:30 en Bertamiráns, os xoves de 17:30 a 19:30 en Bugallido, os mércores de 17:00 a 19:00 en Cruxeiras, os luns e os mércores entre as 19:30 e as 20:30 no Milladoiro e os mércores de 18:00 a 20:00 na Tarroeira.

O obradoiro de xerontoximnasia, unha das actividades máis demandadas polos usuarios/as, impartirase os mércores e venres, entre as 18:30 e as 19:30 en Augapesada, os martes e xoves en horarios de 12:00 a 13:00 e 17:00 a 18:00 en Bertamiráns, os luns e venres de 20:00 a 21:00 e en dous grupos en Bugalido, os martes e xoves de 20:00 a 21:00 en Cruxeiras, os martes e xoves de 17:30 a 18:30 e de 18:30 a 10:30 no Milladoiro, os luns e mércores de 19:00 a 20:00 en Piñeiro, os luns e mércores de 20:30 a 21:30 na Tarroeira e os mércores e venres de 17:00 a 18:00 en Trasmonte.

Programa Sanauga
Ademais, esta semana comezou o servizo municipal de Sanauga, un programa de actividades acuáticas para persoas maiores e persoas con discapacidade que poñen en marcha as concellarías de Servizos Sociais e Voluntariado, a través da Oficina de Voluntariado (OVA), e que está cofinanciado coa Deputación de A Coruña. Este ano admitíronse todas as inscricións completando un total de 65 prazas. Ademais, abrirase unha lista de agarda para cubrir posibles baixas.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El programa saludable Amessan para mayores superará los 200 usuarios"
El Correo Gallego: "Más de 250 mayores en forma con los programas Sanaqua y Amessan"