Pestanas principais

Comeza unha nova edición do programa de actividades acuáticas para persoas maiores “Sanauga”

Luns, 16 de setembro de 2024

Un ano máis, volve a Ames o programa de actividades acuáticas para as persoas maiores “Sanauga”, unha iniciativa da Concellaría de Benestar Social xestionada pola Oficina de Voluntariado (OVA). Estas actividades acuáticas impartiranse no centro deportivo da Telleira, en Bertamiráns, e están dirixidas a persoas maiores e persoas con discapacidade. Os/as interesados/as poden inscribirse e obter máis información no teléfono 662 37 70 44. Ofértanse un total de 90 prazas. O prazo de preinscrición estará aberto desde hoxe, 16 de setembro, e ata o día 20, en horario de 10.00 a 14.00 horas. Está previsto que as actividades comecen o vindeiro 1 de outubro.

Coa chegada do outono, a Concellería de Benestar Social volve impulsar o programa “Sanauga”, dirixido ás persoas maiores de Ames e a persoas con algún tipo de discapacidade co obxectivo de mellorar a súa mobilidade e o seu benestar físico. Así, o curso vai encamiñado a mitigar enfermidades como a artrite e as dores derivadas de diversas doenzas musculares e óseas a través da ximnasia acuática.

A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado, Uxía García, sinala que  “esta é unha actividade que ten unha moi boa acollida entre as persoas maiores do concello. As prazas adoitan esgotarse nun só día, polo que é unha clara mostra da alta demanda que teñen estas actividades e do beneficiosas que son para os nosos maiores”. Así mesmo, anunciou que “debido a esta alta demanda, este ano incrementamos o número de prazas, que pasan de 60 a 90, e por conseguinte tamén se incrementa o número de grupos”.

Para poder participar nesta actividade, non é preciso saber nadar, posto que as dinámicas consisten na realización na auga de exercicios que habitualmente se fan en terra. O que se pretende con esta metodoloxía é unha aproximación ao medio acuático desde a motricidade cotiá das persoas, facilitando os movementos e a exercitación dos músculos. Realízanse na auga movementos habituais cos que a persoa maior está familiarizada, como pode ser andar, mobilidade de segmentos corporais, empurrar materiais, etc.

Horarios e inscrición
O programa desenvólvese nas instalacións municipais do centro deportivo A Telleira, situada en Bertamiráns. As actividades, que se impartirá polas mañás, repártense en seis grupos, os martes e xoves, a partir das 9:15 horas cada 45 minutos. As sesión son de 9:15 a 10:00h; de 10:00 a 10:45h (con dúas quendas); de 10:45 a 11:30h; de 11:30 a 12:15 horas; e de 12:15 a 13:00h. Cada grupo está composto por 15 persoas.

As persoas que estean interesadas poden inscribirse e obter máis información no teléfono 662 37 70 44. O prazo de inscrición estará aberto do 16 ao 20 de setembro, en horario de 10:00 a 14:00 horas. O día 23 de setembro publicaranse as listaxes de admitidos/as. Terán prioridade as persoas de maior idade e/ou con patoloxías acreditadas.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ximnasia acuática para aliviar as doenzas dos maiores de Ames"

Comeza unha nova edición do programa de actividades acuáticas para persoas maiores “Sanauga”

Multimedia

  • Comeza unha nova edición do programa de actividades acuáticas para persoas maiores “Sanauga”