Pestanas principais

Comeza unha nova edición do programa de apoio escolar no verán posto en marcha pola Oficina de Voluntariado de Ames

Martes, 28 de xullo de 2015

[28-07-2015] O Concello de Ames, a través da Oficina de Voluntariado de Ames (OVA) e do departamento de Educación Familiar, puxo en marcha unha nova edición do programa de apoio escolar no verán, que está dirixido a nenos e nenas en risco de exclusión social. Neste programa participan rapaces e rapazas de idades comprendidas entre os 6 e os 15 anos con algunha problemática social ou familiar asociada que repercute no seu atraso escolar. Os nenos/as que participan neste programa están derivados do departamento municipal de servizos sociais.

As clases son impartidas por seis voluntarios/as
O programa de apoio escolar desenvólvese dende mediados do mes de xullo ata comezos do mes de setembro nas Casa da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. No Milladoiro as clases son impartidas os luns, mércores, xoves e venres por Clara Prada e Rubén Iglesias, mentres que en Bertamiráns as clases son impartidas os luns, martes e mércores polos profesores/as voluntarios/as Guillermo, Ana María Gil, Alicia García e Xulia Fernández. En ambos casos os usuarios/as participantes están divididos en cinco grupos: tres de educación primaria e dous de ESO.

A concelleira de Voluntariado, Isabel González, destacou que “desde a oficina de voluntariado amesán e o departamento de Educación Familiar non desbotan a posibilidade de incrementar estes grupos durante as vacacións de verán se a demanda así o require”.

Por último, as concelleiras de Voluntariado e Benestar Social, Isabel González e Luísa Feijóo, gabaron o traballo desinteresado dos voluntarios/as e fixeron fincapé “na importancia que ten o voluntariado na sociedade amesá, animando a toda a poboación de Ames a seguir sendo un referente no voluntariado galego”.
Por segundo ano consecutivo a Oficina de Voluntariado de Ames, en colaboración cos departamentos de Educación Familiar de Bertamiráns e do Milladoiro, dálle continuidade a este proxecto con diferentes voluntarias/os. Esta iniciativa, que conta con 19 usuarios/as, desenvólvese dende mediados de xullo ata comezos de setembro, momento no que dará inicio o novo curso escolar.

A través deste programa, os/as profesores/as voluntarios/as axúdanlles aos nenos/as a facer as diferentes tarefas que lle encomendaron no colexio, así como a afondar naquelas materias onde teñan máis dificultades e necesidades. Este proxecto, ademais de incluír o apoio escolar, tamén pretende ensinar aos nenos e ás nenas a empregar o seu tempo de lecer dunha maneira máis proveitosa. Ao dispor de grupos reducidos, os rapaces e rapazas que participan neste programa reciben unha atención directa e personalizada.

A concelleira de Voluntariado, Isabel González, explicou que “durante todo o curso escolar os nenos/as de familias con dificultades económicas e/ou sociais tiveron a oportunidade de recibir clases de reforzo escolar dous días á semana para reforzar o seu nivel académico. Agora, dáselle continuidade a este programa durante os meses de verán”.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames da apoyo escolar a 19 niños en riesgo de exclusión"