Pestanas principais

Comeza unha nova edición do programa Sanauga con preto de 60 persoas inscritas

Martes, 07 de outubro de 2014

[07-10-2014] A edición 2014-2015 do programa Sanauga, que organiza o Concello de Ames a través da concellaría de Benestar Social, deu comezo esta semana con preto de 60 amienses inscritos. O programa, que se desenvolverá ata o vindeiro mes de xuño na piscina do Centro deportivo A Telleira, está cofinanciado pola Deputación da Coruña e coordinado pola Oficina de Voluntariado de Ames (OVA). Esta iniciativa ten como finalidade mellorar a mobilidade e o benestar físico dos asistentes. Este ano a principal novidade é que hai un grupo máis respecto á edición pasada. Polo tanto, para este curso ofertáronse 14 prazas máis, completando un total de 56 prazas.


Esta actividade está dirixida a persoas maiores de sesenta anos e/ou con discapacidade. O programa Sanauga ten a finalidade de mellorar a mobilidade e o benestar físico dos asistentes. Esta actividade consiste na realización na auga de exercicios que habitualmente se fan en terra. O curso vai encamiñado á mellora física das persoas participantes e o seu obxectivo principal é mitigar enfermidades como a artrite e as dores derivadas de diversas doenzas musculares e óseas a través da ximnasia acuática.

Este programa desenvólvese na piscina do Centro deportivo A Telleira, situada en Bertamiráns, e poden participar os veciños e veciñas amienses que se atopen por riba dos 60 anos ou que teñan algunha discapacidade. A actividade, que se imparte polas mañás, repártese en tres quendas. Os luns e mércores en horario de 9:15 a 10:00 horas (un grupo) e de 10:45 a 11:30 horas (dous grupos); e os martes e xoves de 11:30 a 12:15 horas (un grupo). Cada grupo está composto por 14 persoas. Este ano a principal novidade é que hai un grupo máis respecto á edición pasada. Polo tanto, para este curso ofertáronse 14 prazas máis, completando un total de 56 prazas.

Para poder participar nesta actividade non é preciso saber nadar. O que se pretende con este tipo de exercicios é unha aproximación ao medio acuático desde a motricidade cotiá das persoas e sen o requirimento de saber nadar. Realízanse na auga movementos habituais cos que a persoa maior está familiarizada, como pode ser andar, mobilidade de segmentos corporais, empurrar materiais, etc. Esta iniciativa ten como finalidade mellorar a mobilidade e o benestar físico dos asistentes.