- Tematica
Coincidindo co inicio de novembro bota a andar unha nova edición do programa de Encontros Literarios, que organiza o departamento das Bibliotecas municipais de Ames, dependente da Concellaría de Cultura. Arrincan este xoves, 9 de novembro, coa presentación da obra “Pecados veniais” da xornalista e escritora amesá, Nazaret López. O acto estará presentado polo alcalde de Ames, Blas García. Será ás 19.30 horas no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. A autora estará acompañada de Xosé Antonio López Silva, profesor, ensaísta e critico literario. A ambientación musical correrá a cargo de Javier María López. Esta é a segunda obra escrita por Nazaret López, despois de publicar en 2019, a novela “Formigas nos pés”. A entrada será libre ata completar aforo.
O departamento de Bibliotecas municipais de Ames retoma coa chegada de novembro unha das súas propostas con mellor acollida, os Encontros Literarios. Estas presentacións, que serven para dar a coñecer novas autoras, autores e proxectos literarios á veciñanza amesán, contaron cunha ampla participación ao longo das edicións de 2021 e 2022.
Neste primeiro encontro literario da nova tempada 2023-2024, o protagonismo será para a escritora e xornalista amesá, Nazaret López, que vai a presentar a súa segunda obra “Pecados veniais”, editada por Xerais e publicada en outubro de 2022. O acto estará presentado polo alcalde de Ames, Blas García. A presentación será ás 19.30 horas no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. A autora estará acompañada de Xosé Antonio López Silva, profesor, ensaísta e critico literario. A ambientación musical correrá a cargo de Javier María López. Esta é a segunda obra escrita por Nazaret López, despois de publicar en 2019 a novela “Formigas nos pés”.
Sinopse de “Pecados veniais”
Vinganza, traizón, envexa, ira, mentiras, luxuria, avaricia. Casualidades e causalidades. Faltas máis ou menos graves, erros fatais. Coma elos dunha mesma cadea, as mulleres que transitan por «Pecados veniais» teñen en común a circunstancia de que nun intre da súa vida algo as leva a tomar decisións, a adoptar condutas, a converterse en protagonistas de sucesos que xamais imaxinaron representar.
Esta escolma de historias enfiadas, non exentas de humor acedo, pon o foco na traseira desas situacións, esperadas ou inesperadas, que de socate cambian a vida de quen as padece. Os abusos a menores, o acoso no traballo, a precariedade laboral, o dereito a ter unha vivenda, a decidir ser ou non ser nai e a elixir profesión por riba do xénero son asuntos que pairan tamén sobre esta historia. Unha historia que retrata a sociedade hostil en que vivimos e que fai aínda máis vulnerables as mulleres.
Nazaret López (Lugo, 1959) traballa como xornalista en prensa, radio e televisión desde a década de 1980, labores que compaxina co teatro, no que exerce como docente, directora e autora para compañías profesionais e grupos afeccionados e escolares. Na colección Narrativa publicou as novelas “Formigas nos pés” (Xerais, 2019) e “Pecados veniais” (Xerais, 2022).
Sesións programadas para novembro e decembro
Ademais, para os meses de novembro e decembro hai programadas outras dúas presentacións. O mércores, 29 de novembro, Luciano Ares Díaz presentará “Patria de Maeloc”, da editorial ToxosOutos. Para pechar o ano, o xoves, 14 de decembro, Carlos Negro presentará “O tempo dos lagartos”, editado por Galaxia.