- Tematica
Coa primeira Gala Máxica Galega comeza esta tarde en Bertamiráns a XV edición do Festival de Maxia de Ames. Unha edición marcada polas restricións que impón a loita contra a Covid-19 e que levaron ao departamento de Cultura a decidir esta mesma semana trasladar os eventos que se ían a realizar no Milladoiro á localidade de Bertamiráns. Deste xeito, os dous obradoiros de maxia e as dúas funcións da Gala Máxica Internacional que se desenvolverán o domingo 25 de outubro no Milladoiro, mudan de espazo e se trasladan á Casa da Cultura de Bertamiráns. A sesión das 20:00 horas da tarde desta Gala Internacional será retransmitida por streaming. Poderase ver a través da canle de YouTube do Concello de Ames e da páxina de directo do Concello de Ames.
O Festival de Maxia congregará unha vez máis a importantes figuras da maxia galega como Mago Teto, Mago Paco, Mago Rafa e Joshua Kennet e o propio Dani Polo. Dará a coñecer a profesionais internacionais da talle do hipnotista Jeff Toussaint, o premiadísimo Maxime Minerve, Dania Diez, cuxos espectáculos foron elixidos para formar parte dun especial dos mellores números do mundo que pasaron polo America´s Got Talent, e Miguel Múñoz, o actual campión do mundo de maxia e protagonista de “Dumbo”, a última película de Tim Burton. Asemade, validará a súa vocación de formar novos magos a través dos obradoiros para a rapazada.
“Por un momento pensamos na posibilidade de suspender o festival, porén chegou a noticia de que nos milleiros de actos culturais que se desenvolveron desde que comezou a pandemia, só houbo un gromo, polo que podemos determinar que a cultura é segura; emporiso non baixamos a garda e aplicamos todas as medidas hixiénico sanitarias que hai que aplicar para que non haxa riscos”, comenta a concelleira de Cultura, Natividade González.
Ao tempo gábase do magnífico cartel do festival: “cando preparabamos hai case un ano o cartel do festival queríamos que esta fose unha edición especial, xa que non se cumpren 15 anos todos os días. Pretendíamos que iso se notase e eu creo que se nota; temos os mellores magos galegos xuntos nunha gala e contamos con figuras internacionais da talle do campión do mundo de maxia. Ademais, aínda que desta volta non puidemos ir aos colexios, os magos impartirán tres obradoiros co que mantemos a vocación de formación coa que tamén naceu o festival”. Salienta por último a concelleira de Cultura que para paliar que o número de entradas é menor debido ás distancias de seguridade e á disposición das unidades de convivencia, incrementouse o número de funcións.
Programa do festival de maxia
A programación do XV Festival de Maxia comeza este xoves, 22 de outubro, na Casa da Cultura de Bertamiráns cunha novidade: a “Gala Máxica Galega” que contará coa presenza de Mago Paco, Mago Rafa, Joshua Kenneth e Mago Teto. Todos estes profesionais da maxia galega son asiduos deste festival e moi coñecidos e queridos pola rapazada amesá que acode cada ano tamén aos obradoiros de maxia que imparten. Presentará a gala, Dani Polo, produtor do evento, que aproveitará a circunstancia para estrear un novo número. Realizaranse dúas sesións, unha ás 17:00 horas e outra ás 19:30 horas. A Gala está dirixida a todos os públicos.
O venres 23 de outubro, tamén na Casa da Cultura de Bertamiráns, terá lugar a Gala Infantil na que o Mago Paco presentará o seu espectáculo: “Hocus Pocus”. A función comezará ás 17:00 horas e e está dirixido a público familiar a partir de 3 anos. O mesmo día, 23, e no mesmo espazo, na Casa da Cultura de Bertamiráns, terá lugar unha das novidades do Festival: A Gala de hipnose. O evento correrá a cargo de Jeff Toussaint e o seu espectáculo: “O Hipnotista”. A función está recomendada para maiores de 12 anos.
Estaba previsto que a Gala Máxica Internacional ofrecerá funcións en Bertamiráns e no Milladoiro. Por mor da situación actual da pandemia as funcións previstas para o domingo, 25 de outubro, no Milladoiro, realizaranse na localidade de Bertamiráns. O mesmo ocorre cos dous obradoiros de maxia, previstos para a mañá do domingo no Milladoiro. Tamén se trasladan á localidade de Bertamiráns.
Nas sesións da Gala Máxica actuarán: Dani Polo, Manolo Costa e Mindanguillo, Maxime Minerbe, Dania Díaz e Miguel Muñoz. En total haberá 4 funcións desta gala entre o sábado e o domingo, unha as 17:00 horas e outra ás 20:00. Esta Gala está aberta tamén a todos os públicos. A última función do domingo retransmitirase por streaming. Poderase ver a través da canle de YouTube do Concello de Ames e da páxina de directo do concello de Ames.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames se llena de magia hasta el domingo"
El Correo Gallego: "Anulan todas as galas de maxia na maior das urbes amesás"