Pestanas principais

Comezan as actividades do programa Amessan “Espreguiza corpo e mente” coa novidade dun curso de competencias informáticas

Luns, 05 de outubro de 2020

O Concello de Ames pon en marcha, a partir de hoxe, as actividades dunha nova edición do programa Amessan; “Espreguiza corpo e mente”. Este ano, aos cursos de decoración e restauración; estimulación cognitiva; ximnasia terapéutica; e música tradicional galega, engádase un obradoiro de competencias dixitais básicas para persoas maiores. A programación adaptarase aos protocolos Covid-19 pertinentes e, polo tanto, o número máximo de participantes por actividade é de 10 persoas. Está previsto completar o 5% de prazas libres que quedan actualmente e, incluso, aumentar o número de grupos naquelas parroquias onde non sexan suficientes.

A Concellería de Benestar Social pon en marcha hoxe, baixo o lema “Espreguiza corpo e mente”, a programación do curso 2020-2021 do programa Amessan. Estas actividades desenvólvense nas Casas de Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais de Agrón, Ameixenda, Bugallido, Covas, Cruxeiras, Lens, Piñeiro, A Tarroeira, Trasmonte e Oca. Este ano como novidade impartiranse actividades no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, e na Casa dos Maiores, no Milladoiro.

Os obradoiros desta iniciativa están dirixidos a persoas maiores de 60 anos empadroadas no concello de Ames. Neste programa tamén poden participar aquelas persoas con diversidade funcional, presentando un informe médico, que recomende a súa asistencia a algunha das aulas. A oferta deste curso inclúe cursos de decoración e restauración; estimulación cognitiva; ximnasia terapéutica; e música tradicional galega, pensados sobre todo para cuidar a saúde física e emocional dos amesáns "máis veteranos".

A estes obradoiros, este ano súmase un curso de competencias dixitais básicas para as persoas maiores. A través dunha metodoloxía de aprendizaxe fundamentalmente participativa, as persoas maiores poderán participar en cursos básicos de manexo de móbil para que se afagan a el e poidan usar aplicacións básicas, así como manterse informados e conectados.

Un dos obxectivos deste proxecto é facer partícipes ás persoas maiores do contexto actual, incluílas dixitalmente. A sociedade na que vivimos caracterízase por un crecemento de coñecementos e información e, a través das TIC´s, podemos mellorar o desenvolvemento individual e social. Ademais, é posible optimizar a calidade de vida desde un punto de vista cultural, técnico e/ou económico dos nosos maiores.

Protocolos de seguridade
Debido á situación sanitaria actual, todas as actividades realizaranse seguindo un protocolo Covid-19. Tendo en conta que esta programación vai dirixida a persoas maiores de 60 anos, é dicir, un grupo de risco, extremaranse as medidas hixiénico-sanitarias. Debido a isto, o número máximo de participantes por obradoiro é de 10 persoas.

As prazas das diferentes actividades que se ofertan dentro do programa Amessan están practicamente cubertas. Tan só queda un 5% do total das prazas ofertadas sen cubrir. As persoas que estean interesadas en participar nalgún dos cursos que se ofertan dentro do programa Amessan aínda están a tempo de inscribirse. Para iso deben enviar un correo electrónico ao enderezo voluntariado@concellodeames.gal ou chamar ao 662 377 044, en horario de 09.00 a 14.00 horas.

Promoción do envellecemento activo
A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, destaca que "aínda que somos un concello moi novo non podemos esquecer que tamén temos unha porcentaxe de poboación de maior idade á que temos que ofrecer actividades que melloren a súa calidade de vida, que os manteña activos e conectados”.

Luísa Feijóo engade que “o envellecemento da poboación é un dos retos que temos que abordar como Concello, porque para ter unha sociedade forte e de futuro temos que promover unha terceira idade activa e con calidade de vida. Os Concellos temos a obriga de facilitarlles eses instrumentos para conseguir a súa implicación social, permitindo ás persoas realizar todo o seu potencial de benestar físico, social e mental o longo do seu ciclo vital participando nas actividades de acordo cas súas necesidades, desexos e capacidades".

Estas actividades están todas deseñadas para mellorar a capacidade e benestar físico influíndo así tamén no estado de ánimo, aumentar a autoestima, favorecer os vínculos sociais, aumentar a súa capacidade artística e corporal, manter as capacidades cognitivas e motoras en funcionamento.

Cartel informativo programa Amessan 2020-2021.

Multimedia

  • Cartel ponlle fin á fenda dixital.