[05-11-2016] Esta semana comezaron en Bertamiráns e no Milladoiro os cursos de inglés para preparar o Preliminary English Test (PET). As 30 prazas que ofreceu a Oficina de Información Xuvenil Municipal (OMIX) de Ames están cubertas, e o alumnado estudará entre novembro e maio as catro competencias necesarias para superar este certificado de idioma: a comprensión lectora, a escritura, a oral e a comprensión auditiva.
A OMIX de Ames organiza este curso unha nova edición das aulas preparatorias do Preliminary English Test (PET). Un certificado de inglés correspondente ao nivel B1 no marco europeo de linguas, solicitado por numerosas universidades e empresas. As profesoras do Milladoiro e de Bertamiráns, ambas tituladas en filoloxía inglesa e con experiencia docente, porán ao alumnado en contacto con este tipo de test “ao que non están acostumados”. O PET consta de catro partes, un exame oral, outro escrito, un exame de comprensión auditiva e outro máis centrado nos coñecementos de gramática e sintaxe da persoa examinada.
Nas aulas trabállase cun manual con exercicios das partes nas que se divide este exame. Cada semana trátase de traballar todas elas, facendo exercicios de conversa, escrita e escoitando gravacións. Ademais as mestras levan a cabo simulacros de exame, e o alumnado pode solicitar facer exercicios a maiores na casa que despois serán corrixidos polas profesoras. As aulas teñen lugar dous días a semana, martes e xoves na Casa da Cultura de Bertamiráns, e luns e mércores na do Milladoiro.
O número de prazas foi escollido a razón de que as aulas se aproveitasen ao máximo, podendo facer as mestras un seguimento dos avances de cada estudante. Ao remate do curso, se o/a alumno/a o require, facilitarase a tramitación da matrícula para as probas de Cambridge. O custe das taxas de exame, é un gasto alleo ao Concello de Ames, polo que correrá a cargo de cada alumno interesado en matricularse nas probas.