- Tematica
A emisora municipal Ames Radio acolle durante toda esta semana as gravacións das pezas presentadas ao IX Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames “Desata a Lingua”. En total participan nesta edición 21 grupos (7 do IES do Milladoiro e 14 do IES de Ames ,en Bertamiráns) e serán 69 as rapazas e rapaces de 1º, 2º, 3º e 4º da ESO que se acheguen estes días á emisora municipal para gravar as súas pezas. Organizada polos departamentos de Mocidade, Normalización e Comunicación do Concello de Ames, a actividade pretende dinamizar dun xeito lúdico e a través da creatividade o uso oral e escrito do galego entre a mocidade amesá. Asemade, fomenta o gusto polo teatro e o achegamento á radio municipal.
Dende este luns, 18 de novembro, e ata o xoves día 21 de novembro, os 21 grupos que participan no IX Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames “Desata a Lingua” gravarán as súas pezas para optar a un dos tres premios que se outorgan no certame radiofónico.
Nesta edición participan sete grupos do IES do Milladoiro: A rebelión, Os Cómicos, Amesá, Os Ventinianos, Ponis Salvaxes, Sacarina e M.A.C; e 14 do IES de Ames (Bertamiráns): Pandilla de empanadilla, Patos sen zapatos, S.E.N.A, RVR, Plumas douradas, XVG, As de primeiro, Raíces de amizade, Sardiñas armadas, As catro fantásticas, As esquíos de Ames, Discípulos de Xosé Ramón, ZRI e A fume de carozo. En total son 69 rapazas e rapaces de 1º, 2º, 3º e 4º da ESO os que participan nesta nova edición do Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames “Desata a Lingua”.
Emisión das pezas e premios
A emisión das pezas realizarase en Ames Radio (FM 107.2) entre o 2 e o 5 de decembro, e tamén estarán os traballos dispoñibles na sección de AVISOS da páxina web municipal.
Como en edicións anteriores, haberá tres premios de 200 euros para os grupos gañadores: o premio ao mellor guión orixinal, o premio á mellor interpretación e o premio do público, polo que a audiencia de Ames Radio escollerá entre as pezas emitidas a que obterá este galardón. A votación realizarase entre o 3 e o 8 de decembro (incluídos) a través do correo electrónico radioteatro@concellodeames.gal e só se computará un voto por remitente.
Asemade, o Concello de Ames designará un xurado que será o encargado de seleccionar os premios ao mellor guión e interpretación. Os premios daranse a coñecer e entregaranse nunha gala o 19 de decembro de 2019, á que asistirá todo o alumnado participante.