Pestanas principais

Comezan as obras de mellora da seguridade peonil en Biduído de Arriba

Mércores, 13 de marzo de 2013

[13-03-2013] Esta semana comezaron os traballos que permitirán mellorar a seguridade peonil na estrada que discorre polo lugar de Biduído de Arriba. A este proxecto, que está sendo executado pola empresa Excavaciones Pose, destinaranse máis de 52.300 euros. O concelleiro de Vías e Obras do Concello de Ames, Alfredo Taboada, explicou que con estas obras, “conséguese que a circulación dos peóns por esta vía tan transitada se poida realizar nunhas condicións máis seguras”. Esta actuación únese a outros traballos que se están desenvolvendo na estrada que une O Milladoiro e Ventín co mesmo obxectivo, mellorar a seguridade viaria dos peóns.

Esta semana comezaron os traballos para mellorar a seguridade peonil na estrada que discorre polo lugar de Biduído de Arriba. As obras estanse executando nunha vía asfaltada, prevista para a circulación de vehículos en dobre sentido, cun ancho medio de 4,30 metros e limitada por cunetas sen ningún tipo de acondicionamento para uso peonil. A vía soporta unha gran carga de tráfico, xa que comunica como estrada máis curta as localidades de Bertamiráns e Milladoiro.

Na actualidade, a vía carece de beirarrúas a ambos marxes da mesma, polo que o acceso dos peóns é moi estreito, co conseguinte perigo que iso supón para as persoas. Os traballos que están executando inclúen a colocación na cuneta dun colector de pluviais en PVC, previa colocación dunha capa de area e, sobre esta canalización, executarase unha soleira de formigón realizada in situ cun ancho medio de 1 metro e un groso aproximado de 10 centímetros.

Os accesos acondicionados para os peóns levarán no seu percorrido arquetas-sumidoiros que irán conectadas á canalización de PVC, para permitir a evacuación das augas pluviais. Deste xeito, conséguese que a circulación dos peóns se poida realizar nunhas condicións máis seguras.

Esta é a terceira parte duns traballos que mellorarán a seguridade dos peóns que circulan por esta zona. As outras dúas actuacións comprenden o tramo da estrada entre Milladoiro e Ventín, no que os traballos se están desenvolvendo, e entre Ventín e Biduído. Estas obras están incluídas no convenio asinado coa Deputación da Coruña, que permite a posta en marcha de diferentes obras que teñen que ver coa mellora de estradas, canalización de pluviais e seguridade viaria en varios puntos do termo municipal.