Pestanas principais

Comezan os cursos de alfabetización dixital no rural amiense

Sábado, 05 de marzo de 2011

[05-03-2011] Os locais sociais de Bugallido, Agrón e Ameixenda acollen durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio cadanseu curso de iniciación á informática. O obxectivo desta iniciativa é promover a alfabetización dixital para todas as capas da poboación de Ames. O curso ofrece nocións básicas de word, access, excel e power point para os usuarios/as. Ademais tamén coñecerán como funciona o sistema operativo Windows. En Bugallido e en Agrón organizáronse cadanseu grupo, mentres que na Ameixenda hai dous grupos. Cada un dos grupos está formado por 12 persoas, polo que en total son 48 os amienses que se están beneficiando desta iniciativa. Deste xeito dáselle continuidade ao programa de dinamización dixital nas aldeas, que nas edicións anteriores xa recorreu as parroquias de Piñeiro, Augapesada e Covas.

Na actualidade a informática é unha ferramenta imprescindible na vida cotiá e laboral de calquera persoa. Por iso o programa de dinamización dixital continuará con novos obradoiros nas parroquias de Bugallido, Agrón e Ameixenda. Así, dende a Concellaría de Cultura o que se pretende é concienciar á cidadanía amiense da importancia da alfabetización dixital.

O obxectivo destes cursos é dotar aos usuarios dunha serie de coñecementos básicos sobre aplicacións de emprego habitual como son word, acces, excel e power point. As persoas asistentes, que non tiveron contacto previamente con estas útiles ferramentas para o día a día, poderán aprender a desenvolverse no emprego das mesmas con eficiencia básica, de feito que poidan manexalas con todas as posibilidades que iso lles ofrece. Ademais tamén se impartirán nocións para iniciar aos usuarios/as no sistema operativo Windows.

En Bugallido e en Agrón organizáronse cadanseu grupo, mentres que na Ameixenda hai dous grupos. Cada un dos grupos está formado por 12 persoas, polo que en total son 48 os amienses que se están beneficiando desta iniciativa. Este cursos de informática están destinados a persoas de 18 anos en adiante empadroadas no Concello de Ames.

O curso de Bugallido desenvólvese os martes e os xoves entre as 17:00 h. e as 19:00 horas. O de Agrón impártese os luns e venres entre as 20:00 h. e as 22:00 horas. Na Ameixenda hai dous grupos, un asiste o mércores de 20:00 h. a 22:00 horas, e outro o xoves no mesmo horario. Estas accións formativas terán lugar entre os meses de marzo e de maio. A duración total dos mesmos é de 40 horas.

Estes obradoiros realízanse coa intención de que a alfabetización dixital chegue a todas as capas da poboación amiense. Deste xeito dáselle continuidade ao programa de dinamización dixital nas aldeas. Nas edicións anteriores estes obradoiros xa se organizaron nas localidades de Piñeiro, Augapesada e Covas.