Pestanas principais

Comezan os traballos de limpeza nas beiras do río Tambre ao seu paso pola Ponte Maceira

Luns, 04 de xullo de 2016

[04-07-2016] Esta maña os alcaldes de Ames, José Miñones, e de Negreira, Jorge Tuñas, achegáronse ata A Ponte Maceira, para ver de primeira man o inicio dos traballos de limpeza e roza que están realizando varios operarios das brigadas municipais de ambos concellos nas marxes do río Tambre ao paso por este lugar. Nesta visita tamén participaron os concelleiros amesáns Blas García e David Santomil, a concelleira amesá, Isabel González, e mailo concelleiro nicrariense, Ángel Leis. Durante os próximos días tamén se van a desenvolver traballos de limpeza en altura na propia ponte. Ademais, estanse a realizar as xestións necesarias para declarar A Ponte Maceira como Ben de Interese Cultural (BIC).

Esta mañá deron inicio os traballos de limpeza e roza nas beiras do río Tambre ao seu paso pola Ponte Maceira. Estes traballos, executados polas brigadas municipais de Ames e Negreira, están sendo coordinados polas concellarías de Obras de ambos concellos. Cada unha das brigadas encárgase de limpar a parte do río correspondente a seu municipio. Ademais, durante os vindeiros días, despois de conseguir os correspondentes permisos, vanse a desenvolver traballos de limpeza en altura na propia ponte.

O alcalde de Ames, José Miñones, explica que “a través destas actuación damos cumprimento a un compromiso adquirido coa asociación de veciños da Ponte Maceira. Intentaremos ao longo desta semana rematar con estes traballos de limpeza para que estea todo en perfectas condicións para que o venres, 15 de xullo, se poida desenvolver a segunda xornada do programa Noites en vela”. Ademais, Miñones, destacou que “hai que realizar outros traballos nas beiras amesás do río, onde hai que colocar unha varanda na rampla de acceso ás beiras do río e colocar algunhas pedras na pasarela peonil”.

Jorge Tuñas indicou que “ambos Concellos temos o obxectivo de impulsar o turismo nesta zona da Ponte Maceira que compartimos. Tivemos que esperar a ter os permisos de Augas de Galicia e da Dirección Xeral do Patrimonio para poder executar estas labores de limpeza. Na parte nicrariense do río tamén vamos a acondicionar e mellorar os muíños. Confío en poder ir cumprindo todas as peticións que nos fixeron os veciños e veciñas, para entre ambos concellos facer deste lugar un punto importante a nivel turístico”.

Outras das actuación que se van a realizar é o acondicionamento dunha parcela, que está previsto que sexa cedida por un veciño do lugar, para poder habilitar nesta zona un aparcadoiro. O goberno municipal xestionará este trema a través da asociación de veciños da Ponte Maceira. Deste xeito, intentarase paliar a falta de espazos para poder estacionar. Ademais, váiselle solicitar á Deputación da Coruña que execute unha senda peonil entre a Ponte Nova ata a Ponte Maceira. Esta é unha das demandadas da asociación de veciños para gañar en seguridade viaria.

Segunda xornada das Noites en Vela
O obxectivo de ambos concellos é que estea todo en perfectas condicións de cara ao venres, 15 de xullo, para que o contorno da Ponte Maceira acolla a segunda xornada das Noites en Vela. Neste caso ofrecerase un concerto a cargo do grupo amesán das Maianas e de Xabier Díaz. O coñecido músico e compositor coruñés ofrecerá unha masterclass e máis un concerto neste lugar.

Por outra banda, tal e como xa se adiantou nunha xuntanza mantida por ambos alcaldes coa asociación de veciños da Ponte Maceira, estase estudando impedir o acceso rodado á ponte, xa que por motivos de conservación, dende a Dirección Xeral do Patrimonio aconsellaron que se prohibira a circulación de vehículos por este lugar para evitar o deterioro de dita infraestrutura. Ambos gobernos están estudando esta recomendación feita pola Xunta de Galicia.

Por último, na visita feita esta mañá o alcalde e concelleiros/as do goberno amesán estiveron revisando o lugar onde están enterrados tres lavadoiros que se van intentar recuperar e rehabilitar. Estes lavadoiros, que quedaron soterrados por restos e sedimentos do río, están situados nunha das beiras do río Tambre.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Comezan a limpeza do río Tambre en A Ponte Maceira"
La Voz de Galicia: "Ponte Maceira muda su imagen de abandono con el inicio de las labores de desbroce y limpieza"