Pestanas principais

Comezan os traballos previos para o inicio das obras da nova escola infantil de Bertamiráns

Mércores, 27 de agosto de 2014

[27-08-2014] Este mércores, 27 de agosto, comezaron os traballos previos ante o inminente inicio das obra de execución da nova escola infantil de Bertamiráns. Deste xeito, hoxe pola mañá asinouse a acta de replanteo, paso previo para que poidan comezar as obras nos vindeiros días. O concelleiro de educación, Bernardo Moar, acompañado de varios técnicos municipais e da Xunta de Galicia, achegáronse este mañá ata a parcela onde se vai construír a nova escola infantil. Esta infraestrutura, que estará situada nunha parcela de 3.389 metros cadrados próxima ao paseo fluvial, contará con 6 unidades e 82 prazas.

As obras para a execución da nova escola infantil de Bertamiráns están a piques de comezar. Este mércores, 27 de agosto, deron comezo os preparativos previos para que nos vindeiros días xa poidan iniciarse os traballos propios de construción desta infraestrutura. Asemade, esta mañá asinouse a acta de replanteo desta obra. Ademais, o concelleiro de educación, Bernardo Moar, acompañado de varios técnicos municipais e da Xunta de Galicia, achegáronse este mañá ata a parcela onde se vai construír a nova escola infantil.

Cómpre lembrar que o pasado 17 de xullo a Xunta de Goberno Local do Concello de Ames concedeulle á Xunta de Galicia a licencia de construción para poder comezar coas obras da nova escola infantil de Bertamiráns. De seguido, notificóuselle ao Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, que xa dispoñía da correspondente autorización para poder comezar cos traballos de execución da devandita escola infantil. Nos vindeiros días, trala sinatura da acta de replanteo, iniciaranse estas obras.

Esta infraestrutura estará situada na rúa do Muíño, que se atopa preto do paseo fluvial de Bertamiráns. O importe de execución desta obra ascende a contía de 735.198,54 euros. Segundo se establece no convenio de construción da escola infantil, o Consorcio achegará o 60% do seu custo total e o Concello o 40%.

No proxecto básico de execución detállase que a nova escola infantil está deseñada en planta baixa. Disporá de dúas zonas diferenciadas que estarán unidas a través dun vestíbulo, que servirá de zona de xogos e de enlace entre as dúas zonas. Na zona sur estarán situadas as 6 aulas das que disporá esta escola, mentres na zona norte haberá unha sala de usos múltiples; unha zona de servizos con cociña, vestiarios e aseos; unha sala de profesores/as; e un despacho para a dirección do centro.

82 prazas para nenos/as de 0 a 3 anos
A nova escola infantil de Bertamiráns contará cun total de 82 prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos, distribuídas en 6 unidades, o que permitirá elevar a oferta ata as 184 prazas na rede A Galiña Azul do concello e, polo tanto, suporá un incremento do 80 por cento con respecto ás que existen actualmente. Haberá 2 aulas para nenos/as e 0 a 1 anos, 2 aulas para nenos/as de 1 a 2 anos; e outras 2 aulas para nenos/as de 2 a 3 anos. As aulas do alumnado de 0 a 1 anos teñen unha superficie de 22 metros cadrados; as unidades de 1 a 2 anos ocupan 30 metros cadrados; e as aulas de 2 a 3 anos teñen unhas dimensións de 36 metros cadrados.

Esta infraestrutura estará situada nunha parcela de 3.389 metros cadrados. A superficie construída da escola é de 514,70 metros cadrados, mentres que a superficie ocupada polos porches ascende a 107,75 metros cadrados. Hai que destacar que o Concello solicitaralle ao Consorcio Galego de Igualdade e Benestar que a superficie sobrante da parcela cedida para a construción desta infraestrutura reverta outra ven no Concello. Deste xeito, os metros sobrantes poderanse empregar para a construcións doutras infraestruturas municipais que sexan de utilidade para a veciñanza amiense.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "La nueva escuela infantil va a sumar 82 alumnos en Ames"
La Voz de Galicia: "Comienzan los trabajos previos para construir el centro infantil de Ames"