[10-04-2017] O concelleiro de Medio Ambiente, Javier García Guldrís acudiu á inauguración da exposición “As abellas gardianas do medio” e a charla “A importancia da apicultura en Galicia”, eventos que se desenvolveron o pasado venres na Casa da Cultura de Bertamiráns e cos que comezou a programación sobre apicultura que ten previsto realizar o departamento durante todo o mes de abril. A visita á Casa das Abellas en Abegondo na que participaron 65 veciños e veciñas e a primeira das sesións do curso de apicultura completaron o inicio do mes das abellas en Ames.
A Casa da Cultura de Bertamiránns acolleu a primeira das charlas do ciclo á que acudiron unhas 25 persoas. María Lorenzo, apicultora e membro da Sociedade Galega de Apicultura, foi a encargada deste relatorio no que se analizou o papel das abellas desde a prehistoria, a evolución da apiculturta en Galicia ao longo dos séculos. Ademais, nesa primeira xornada, inaugurouse a exposición “As abellas gardianas do medio”, que amosa información sobre as abellas no panal, o comportamento do enxame e a domesticación das abellas.
Un día máis tarde, 65 persoas viaxaron a través do concello de Ames a Abegondo para visitar a Casa das Abellas. Cómpre salientar que entre os asistentes había familias, xente nova e apicultores que levan toda a vida traballando coas abellas. Xesús Asorey, secretario da Asociación galega de Apicultura, foi o encargado de presentar a actividade. Os nenos e as nenas vestíronse co traxe de abelleiros e visitaron as colmeas e participaron nun obradoiro de elaboración de candeas e nunha degustación de mel.
Pola súa banda os maiores, divididos en dous grupos dado o importante número de asistentes, tamén se achegaron ás colmeas e viron un documental sobre a vida das abellas que comentou o apicultor Ismael Lorenzo que tamén imparte o curso sobre a apicultura que comezou a desenvolverse ao día seguinte na aula da Natureza de ames e que se prolongará durante catro sesións de dúas horas ao longo doutros tantos fins de semana.
Entre os asistentes as actividades coas que comezou o mes das abellas en Ames e as persoas que participarán no curso hai apicultores que levan toda a vida traballando con colmeas, xente nova que quere iniciarse no mundo da apicultura e xente que xa está traballando con colmeas e que agora quere dar o paso á comercialización.