Pestanas principais

Comezou no Milladoiro un novo Obradoiro de Lingua e Cultura

Luns, 07 de novembro de 2016

[07-11-2016] Sacarse unha fotografía tamaño carné para ter un recordo de como se era antes de comezaren a falar galego, enfrontarse a ler sen medo e asumir o papel dun personaxe que está aprendendo unha lingua, disfrazándose, por exemplo, cun sombreiro de copa ou un bigote falso. Estas recomendacións extraídas do texto de Sechu Sende “Instrucciones para aprender a hablar gallego” serven para comezar dun xeito lúdico o curso que durante todo este mes farán os alumnos e as alumnas da zona do Milladoiro que se matricularon no Obradoiro de Lingua e Cultura “En galego co teu acento”. As clases comezaron esta mañá na Casa da Cultura do Milladoiro, despois de que o xoves pasado rematara o primeiro dos obradoiros deste ano en Bertamiráns.

Ademais das recomendacións do escritor e antigo veciño de Ames, tan acaidas para a primeira clase dun obradoiro como este, algunhas das alumnas que esta mañá se sentaban na aula, engadiron os trucos que elas utilizan para para aprender e fixar a lingua. É o caso de Alba que naceu na Illa de Curaçao e que vive en Galicia desde hai nove anos. Alba xa fixo os catro cursos do CELGA e desenvólvese ás mil marabillas en galego, pero fai este curso porque quere seguir practicando e que Rosa, a profesora da que se declara fan, lle corrixa os erros e lle axude a seguir avanzando no coñecemento da lingua e da cultura do lugar onde vive agora. Alba contou aos compañeiros que sempre que entra nun organismo público, faino falando galego e que xa non se pasa ao castelán cando, ao escoitaren o seu acento, os demais lle responden en español. Aportou tamén un truco que dixo que a ela lle viñera de marabilla e que é o de traducir simultaneamente ao galego as conversacións que escoita: “Moitas veces non me interesa nada do que din, pero ir traducindo me axuda moito a afianzar o galego”.

Xulia tamén chega ao curso cun amplo coñecemento da lingua e co obxectivo de practicar. Nada en Ourense, foi de moi pequena vivir a Venezuela. A súa nai faláballe en galego: “Eu o oído o tiña feito; eu e as miñas amigas que dicían que a miña nai falaba francés. Hai cinco anos vin para Galicia e fixen tres cursos CELGA pero quero seguir practicando para soltarme máis e recuperar a escrita que de non usala se vai perdendo.

As motivacións de Alba e de Xulia están claras e pasan por practicar e por seguir afondando na lingua e na cultura. As do resto dos compañeiros e compañeiras do obradoiro son do máis variado, aínda que a meirande parte delas teñen como obxectivo integrarse e coñecer máis o lugar que os acolle. Adriana, brasileira, di que entende o galego pero que non o fala e que quere saber máis para poder axudar a súa nena coas tarefas da escola. Cristofer, que chegou desde Venezuela a Ames no mes de xaneiro, di que devece por responder en galego cando lle falan. Isabel, que chegou de Perú hai quince anos e que vive no Milladoiro desde hai seis, quere coñecer mellor ese idioma que tanto lle gusta cando o escoita coa súa filla nas sesións de Conta Contos das Bibliotecas Municipais.

Yasmile, colombiana e chef profesional, di que o léxico na cociña varía moito do español ao galego e que quere aprender para non ser un estorbo cando traballe; ademais Yasmile, que veu a Galicia porque namorou dun galego, tamén quere entender os chistes e as brincadeiras e poder dicirlle algunha cousa bonita en galego ao seu namorado. Yasmile xa comezou a estudar de antemán e presentouse na primeira clase cun caderno no que traía apuntados os números, as letras e algúns pronomes, o que serviu á Rosa Moreiras para lembrar a recomendación clásica de “levar un caderno no bolso e ir anotando cada palabra ou expresión nova que se escoite”.

Luís hai 25 días que chegou de Caracas e non sabía que o galego existía como lingua e que en España había máis idiomas que o castelán. Tampouco sabía que era lingua irmá do portugués. É avogado e quere homologar o seu título para o que lle piden dominar outra lingua “a prioridade é a lingua de aquí”, declara, ao tempo que manifesta a súa convicción de que canto máis se coñeza do lugar onde se vive, máis doado será integrarse.

Tamén Luísa e Fabiana, nai e filla que chegaron de Venezuela a primeiros de xullo, manifestan a necesidade de aprender a lingua para poder integrarse: “atopamos que case todos os folletos das cousas que nos pode interesar facer están en galego e decidimos facer por aprendelo”, manifesta Luísa. Fabiana asinte e engade que ademais para ela é imprescindible xa que quere continuar os seus estudos na Universidade en Galicia. A mesma motivación a ten Jorge; hai dez meses que este informático guatemalteco veu vivir a Milladoiro, despois de que as súas irmáns casaran con galegos e a súa nai viñese tras delas.”Agora tocoume a min -di- é creo que saber o idioma vaime ser imprescindible para atopar traballo e para poder continuar os meus estudos de Física na Universidade”.

“Non se trata de que os alumnos e alumnas aprendan minimamente a entenderse en galego ou a falalo, senón tamén de que se coñezan, de que coñezan máis perosas, de que se socialicen e de que dean a coñecer os seus propios usos e costumes, as cousas dos seus países e as súas linguas aos seus compañeiros e compañeiras de curso e mesmo a outros veciños de Ames e é unha maneira de tecer redes e de acoller aos novos veciños e veciñas”, declara Isabel Vaqueiro, concelleira de Normalización Lingüística

Durante 30 horas repartidas en 20 sesións, Rosa Moreiras falará cos alumnos e alumnas do obradoiro de música, literatura, gastronomía e todo aquilo que lles facilite un mellor coñecemento da nosa lingua e a nosa cultura e polo tanto unha mellor integración. Poñerá Rosa especial fincapé no próximo, de xeito que cando remate o obradoiro, os/as asistentes saberán máis do que ofrece o Concello de Ames e de como moverse neste territorio. Recomendaralles falar, ler, escoitar música... e informaralles sobre as bibliotecas e os programas culturais do Concello. E dentro dun mes, 20 veciños e veciñas de Ames, sumarán outras músicas e outros acentos á nosa fala.