[16-04-2016] Na mañá do venres, 15 de abril, o Concello convocou unha reunión da Comisión de desafiuzamentos, reactivada o pasado agosto de 2015. O alcalde José Miñones, a concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, representantes dos partidos políticos, traballadores sociais, da plataforma Stop Desafiuzamentos e das delegacións de Cáritas en Ames foron convidados a participar. Na reunión, que comezou ás 13:30 horas no Salón de Plenos do Concello informouse das xestións levadas a cabo dende a última reunión e analizouse a labor realizada pola Mesa de Traballo Conxunta cos Concellos de Teo e Santiago de Compostela.
A reunión comezou expoñendo os avances que se levaron a cabo por parte da Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. Comprobouse a imposibilidade de establecer un número de teléfono curto destinado a atender especificamente os casos de desafiuzamentos, por non contemplar a Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Sociedade da Información (SETSI) este tipo de servizo telefónico.
Por outra banda a empresa subministradora do Servizo Municipal de Augas envía actualmente información aos Servizos Sociais de Ames acerca dos casos de impago de facturas. Estes cotexan os datos das facturas co seu rexistro de persoas usuarias e, en caso de existir coincidencias nos datos, solicitan o aprazamento do corte do servizo de auga á agarda de analizar os casos de forma individualizada e buscar solucións. Nestes meses, ademais, o Concello mantivo ademais xuntanzas coas entidades bancarias e axencias inmobiliarias que opera en Ames.
Na actualidade non se ten constancia no Concello de Ames de ningún proceso de alzamento por hipoteca, aínda que si se detectaron varios casos por aluguer, que foron reconducidos positivamente. Como sinalou un dos membros da plataforma Stop Desahucios na anterior reunión nestes casos as persoas e familias non poden renegociar cos bancos o pago, coma si sucede nos casos de hipoteca, nin pedir que se cumpra o Código de Boas Prácticas.
Mesa de Traballo Conxunta cos Concellos de Santiago de Compostela e de Teo
Até o momento este organismo mantivo dúas xuntanzas, unha no mes de marzo que contou con representantes do colexio de Avogados, de Traballo Social, de Psicoloxía e dun membro da plataforma Stop Desahucios, e outra no mes de abril. Na primeira resolveuse a elaboración de un convenio de colaboración e delimitáronse tres ámbitos de actuación: a promoción do dereito á vivenda, a mediación e acompañamento das persoas afectadas por desafiuzamentos por hipoteca ou aluguer e, por último, a súa protección.
Proxectos da Comisión de Desafiuzamentos
Entre as posibilidades que se barallan dende o Concello de Ames estúdase a creación dun Servizo Municipal para a Defensa da Vivenda, que ofreza ás familias ou persoas afectadas ou con dificultades asesoramento xurídico e apoio psicosocial.
Ademais a Comisión quere poñer en marcha un Protocolo Municipal para previr, asesorar, acompañar e protexer ás familias. “Queremos desmitificar os Servizos Sociais, informar á veciñanza para que comprenda que calquera persoa e familia se pode achegar ás súas oficinas para solicitar axuda e asesoramento”, engadiu a Concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo.