Pestanas principais

A Comisión de Economía e Facenda do Concello de Ames ditaminará mañá o Plan de Axuste 2012-2022

Mércores, 28 de marzo de 2012

[28-03-2012] O Concello de Ames celebrará mañá unha reunión da Comisión Informativa Permanente de Economía e Facenda e especial de Contas para ditaminar o Plan de Axuste 2012-2022 de forma previa á celebración da sesión plenaria. A aprobación en Pleno do Plan de Axuste 2012-2022 é unha medida extraordinaria e imprescindible para adherirse ao mecanismo de financiamento para o pagamento aos provedores das entidades locais habilitado polo Goberno do Estado a través do Real Decreto Lei 4/12, de 24 de febreiro. O Concello de Ames remitiu ao Ministerio de Facenda, con data 15 de marzo de 2011, unha relación de 836 facturas, emitidas por 205 provedores con data anterior ao 1 de xaneiro de 2012, que suman un importe total de 2.228.813,65 euros.

Os Servizos Económicos do Concello de Ames iniciaron a elaboración do Plan de Axuste o martes 20 de marzo, o primeiro día hábil tras a publicación do modelo oficial na Orde HAP/537/2012 do 16 de marzo. A pesar da súa gran complexidade técnica, o esforzo dos Servizos Económicos do Concello fixo posible redactar o Plan de Axuste en só 8 días, rematando a súa elaboración na madrugada de hoxe mesmo. De cara a avanzar na súa tramitación coa transparencia debida e posibilitar o debate con todos os grupos municipais, o alcalde Santiago Amor convocou unha xunta de voceiros para analizar as liñas estratéxicas do Plan de Axuste. Tras a celebración desta xunta, o alcalde de Ames decidiu convocar con carácter urxente a Comisión Informativa Permanente de Economía e Facenda e Especial de Contas para ditaminar o Plan de Axuste antes da súa votación no Pleno de mañá 29 de marzo.

Desde o Goberno municipal, considérase o Plan de Axuste 2012-2022 como un recurso fundamental e necesario para responder á crítica situación económica herdada no Concello. Segundo o alcalde Santiago Amor, responsable das áreas de Economía e Facenda, "traballamos desde o primeiro para dotar de liquidez ás arcas municipais e afrontar a nosa responsabilidade cos provedores". "Non é sinxelo, pero estamos a avanzar na dirección correcta", apunta o alcalde. Neste sentido, desde o departamento de Economía e Facenda calcúlase que as medidas de control do gasto público adoptadas no último ano permitiron un aforro duns 670.000 euros. En detalles, as principais medidas de aforro aprobadas poden desglosarse da seguinte maneira:

  • A nova organización do Concello de Ames aprobada no Pleno de Organización do 8 de xullo de 2011, a proposta do Grupo Popular, supón un aforro anual de 121.578 euros respecto ao sistema establecido polos anteriores responsables do Goberno municipal. Este aforro explícase pola redución da convocatoria das Xuntas Ordinarias de Goberno, rebaixa das asignacións por Grupo Municipal e por cada concelleiro, do salario do alcalde e da reestruturación dos traballadores a disposición dos grupos.
  • A redución das horas extras a cambio de xornadas de descanso supuxo un aforro de 80.000 euros.
  • A modificación dos seguros de vehículos do parque móbil contabilízase nuns 9.000 euros.
  • A utilización de medios propios e o cambio de xestión das bibliopiscinas supuxo un aforro de 20.000 euros.
  • O cambio de contrato de telefonía aforrou 60.000 euros.
  • A renegociación e o cambio de provedor do material de oficina, produtos de ofimática e consumibles supuxo un aforro de 6.800 euros.
  • A supresión de vehículos de servizos cífrase nun aforro de 7.200 euros.
  • A renegociación da mutua estableceu un aforro de 5.000 euros.
  • O cambio de xestión das escolas deportivas e dos convenios cos clubs reduciu o seu custo nuns 95.000 euros.
  • O cambio da conexión eléctrica/gasoil no subministro de auga no Milladoiro calcúlase nun aforro de 77.000 euros.
  • A renegociacion de convenios de colaboración permitiu aforrar 30.000 euros.
  • A cancelación de alugueres deportivos da nave polígono do Milladoiro aforrou 42.000 euros.
  • Redución de 15.000 euros en gastos en publicidade e propaganda.
  • A organización da celebración de concertos e da Festa da Xuventude a través de persoal propio e da renegociación das condicións anteriores supuxo un aforro de 20.000 euros.
  • Do mesmo xeito, a organización da celebración das Festas de Nadal e de Reis a través de persoal propio e da renegociación das condicións anteriores supuxo un aforro de 15.000 euros.
  • Os cambios de contratos en extintores e seguridade, entre outros, aforrou 3.000 euros.
  • As revisións das tarifas eléctricas (eficiencia + revisión cadros/luminarias) cífrase nun aforro de 9.000 euros.
  • A redución e a renegociación da iluminación de Nadal aforrou 45.000 euros
  • O cambio na xestión da Feira do Comercio traduciuse nun aforro de 4.500 euros para as arcas municipais.
  • A redución, renegociación e colaboración do Entroido e Magostos supuxo un aforro de 4.000 euros.
  • A cancelación do aluguer dunha praza de garaxe sen uso sumou un aforro de 480 euros.

Como avances para consolidar a liquidez do Concello de Ames, os responsables municipais lembran a recente formalización dunha operación de tesouraría co Banco Bilbao Vizcaya Argentaria que permitiu xa ao Concello de Ames no mes de febreiro dispor dun límite máximo de 2.775.000 euros, a través dunha conta de crédito, para afrontar pagamentos de facturas a provedores.

Desde o Goberno municipal incídese ademais na importancia de ter conseguido a liquidación das contas de 2010 dentro do exercicio de 2011, feito que permitiu asegurar a transferencia de 400.000 euros que o Concello de Ames recibe mensualmente como participación nos tributos do Estado. Do mesmo xeito, ter liquidadas as contas en prazo permitiu tamén que o Concello de Ames siga optando ás subvencións convocadas pola Xunta de Galicia, xa que a Administración autonómica estableceu por decreto que, para concorrer ás súas convocatorias de axudas, as entidades interesadas deben ter pechado o exercicio anterior.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames pedirá 2,2 millones y ya ahorró 670.000 euros"