Pestanas principais

A Comisión de Orzamentos Participativos para a Mocidade analizou os proxectos elixidos para o seu desenvolvemento en Ames

Sábado, 27 de xullo de 2019

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu este luns, 22 de xullo, unha nova xuntanza da Comisión de Orzamentos Participativos para a Mocidade 2018. Nela, analizáronse os proxectos votados no seu día, destinados á construción de dous anfiteatros, un no Milladoiro e outro no lugar de Lapido, preto de Bertamiráns, para organizar festas, teatro e cine ao aire libre. Ademais, acordouse a realización de dous festivais con grupos locais que servirán para inaugurar ditos equipamentos. 

Á reunión asistiu unha representación da mocidade amesá, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, o concelleiro de Administración Xeral, Víctor Manuel Fernández, e a técnica municipal da Concellaría de Mocidade, Pilar Villaverde.

Genma Otero amosouse “contenta de retomar o contacto e xuntanzas de participativos coa mocidade e moi agradecida coa implicación das nosas mozas/os neste proxecto. A mocidade de Ames amosou a súa satisfacción coas propostas presentadas e participou deste proxecto escollendo como investimento a creación de dous anfiteatros e agora están a deseñar o festival de música de grupos locais, que se fará nos novos espazos, nos que elas/eles serán os protagonistas".

Hai que lembrar que nos Orzamentos Participativos 2018 para a Mocidade informáronse e analizáronse inicialmente 102 propostas, quedando 46 para a votación final (20 de investimentos para á mocidade e 26 de actividades para a mocidade). Por primeira vez no Concello de Ames a mocidade escolleu que facer cunha partida orzamentaria de 60.000 euros, incluída nos Orzamentos Participativos para a mocidade 2018. Un total de 50.000 euros serán destinados á construción de dous anfiteatros, un no Milladoiro e outro no lugar de Lapido, preto de Bertamiráns, para organizar festas, teatro e cine ao aire libre. Os outros 10.000 euros restantes dedicaranse á organización de dous festivais con grupos locais que servirán para inaugurar ditos equipamentos.

A última xuntanza da Comisión de Orzamentos Participativos para a Mocidade serviu para retomar o contacto e analizar os proxectos e actividades que se van desenvolver no concello en base a esa partida incluída nos Orzamentos Participativos. A mocidade amesá apostou por eses dous espazos ao aire libre e agora xa están traballando no deseño dese festival de música con grupos locais, que servirá para inaugurar os anfiteatros.

Xuntanza da Comisión de Orzamentos Participativos para a Mocidade

Multimedia

  • Xuntanza da Comisión de Orzamentos Participativos para a Mocidade
  • Xuntanza da Comisión de Orzamentos Participativos para a Mocidade