Pestanas principais

A comisión especial de contas informa favorablemente a Conta Xeral de 2015 que arroxou un resultado orzamentario cun superávit de 1.788.937,81 euros e un remanente de tesourería positivo de 3.313.357,53 euros

Mércores, 23 de novembro de 2016

[23-11-2016] O goberno municipal de Ames presentou para o seu exame e informe a Conta Xeral do 2015 na Comisión Especial de Contas celebrada o pasado 21 de novembro na que participaron o rexedor municipal, a concelleira de Economía e Facenda, o concelleiro de Educación e Cultura, a secretaria, a interventora, representantes dos grupos municipais da oposición (Ames Novo e Partido Popular) e o concelleiro non adscrito, Javier López.

O goberno municipal vén de presentar na Comisión Especial de Contas do 21 de novembro a Conta Xeral do 2015 para o seu exame e análise. A comisión ditaminou favorablemente dita conta, que agora pasa a estar exposta publicamente por un período de 12 días, para que os interesados poidan presentar as reclamacións, reparos ou observacións que consideren oportunas. Posteriormente, celebrarase un Pleno extraordinario en decembro para a súa aprobación.

Nesta comisión participaron o rexedor municipal, a concelleira de Economía e Facenda, o concelleiro de Educación e Cultura, a secretaria, a interventora, representantes dos grupos municipais da oposición (Ames Novo e Partido Popular) e o concelleiro non adscrito, Javier López.

Nesta xuntanza informou a interventora do Concello, Margarita Fernández, da Conta Xeral do 2015, dos documentos que integran o expediente, balance de situación, conta de resultados económico-patrimonial, liquidación do orzamento, memoria, así como dos informes de intervención que se achegan que completan este expediente.

A continuación a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, expuxo a evolución favorable das distintas magnitudes destacando as dúas máis importantes que reflicten a estabilidade orzamentaria do Concello de Ames no ano 2015, cun resultado orzamentario que arroxa un superávit de 1.788.937,81 euros e cun remanente de tesourería positivo por importe de 3.313.357,53 euros.

Genma Otero destaca que “estes indicadores que reflicten unha estabilidade orzamentaria que alcanza a cifra de 1,7 millóns de euros e unha alta capacidade de autofinanciamento do Concello cun remanente de tesourería que supera os 3 millóns de euros incrementando nun 102% respecto do exercicio 2014, son mostra de que se está a realizar unha xestión eficiente e eficaz, que permite ampliar os servizos e dar resposta ás demandas da veciñanza e ás novas necesidades que van xurdindo, todo isto a pesares de todos os problemas que nos atopamos derivados da anterior etapa de goberno, facturas de importante contía sen abonar, sentenzas xudiciais, perda subvencións, etc”.

Reorganización do departamento de Intervención
A concelleira de Economía e Facenda tamén explica que “a Conta Xeral é un reflexo contable da xestión económica que abarca aspectos económicos, financeiros, patrimoniais e orzamentarios. Exponse á conta para a súa aprobación, e aínda que sempre leva aparellado un debate da xestión, realmente o que se aproba é un reflexo dos documentos contables que logo permitirá aos órganos de fiscalización externos (Consello de Contas) realizar a súa labor de fiscalización e control”.

Genma Otero engade que “o goberno fixo un laborioso traballo de reorganización no departamento de Intervención reducindo o período de pagamento das facturas e xestionando facturas atrasadas e pendentes de regularizar. Aínda así, a falla de persoal e a ausencia da intervención, vacante durante un mes por traslado do seu titular, fixo que se atrasase a liquidación e a presentación da conta”.

Desde a Concellería de Economía e Facenda, coa entrada da nova interventora en xullo, procedeuse a reconfigurar o traballo do departamento automatizando as tarefas de contabilización. Para isto contouse cunha empresa especializada que prestou servizos durante un mes, co obxectivo de presentar a liquidación e a Conta Xeral do 2015 e ir reducindo os prazos para a presentación da liquidación do exercicio 2016 ao finalizar o primeiro trimestre do ano 2017.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El Concello presentará al pleno un superávit de casi dos millones"