Pestanas principais

As comisións informativas previas ao pleno de xuño abordaron a modificación da RPT e a habilitación de crédito para a obra do cemiterio municipal

Martes, 28 de xuño de 2016

[28-06-2016] O Concello de Ames celebrou onte, luns 27 de xuño, as comisións informativas previas ao pleno ordinario de xuño. Nestas comisións informativas abordouse a adhesión ao convenio de colaboración asinado entre o IGVS e a FEGAMP para o desenvolvemento do programa de vivendas baleiras no ámbito do Plan galego de rehabilitación, alugueiro e mellora do acceso á vivenda 2015-2020, así como a adhesión á Rede Española de Acollida de Refuxiados. Ademais, abordouse a modificación puntual do Convenio Colectivo do persoal laboral e da Relación de Postos de Traballo (RPT). Por último, tratouse a aprobación do suplemento de crédito 1/2016 e da elección de xuíz de paz titular.

As comisións informativas previas ao pleno de xuño abordaron a adhesión do Concello de Ames ao programa de vivendas baleiras. O obxecto deste convenio é regular a colaboración entre o IGVS e a FEGAMP coa finalidade de difundir e promover a incorporación dos concellos de Galicia ao programa de vivendas baleiras, co que se persegue poñer a disposición do mesmo as vivendas desocupadas, para poder destinalas a aquelas unidades familiares ou de convivencia con maior dificultade de acceso á vivenda e, de xeito prioritario, ás afectadas por procedementos de execucións hipotecarias ou por desafiuzamentos por impago da renda de alugueiro da súa vivenda habitual.

As persoas titulares das vivendas e as inquilinas que teñan contratos de arrendamento no marco deste programa, poderán acollerse ás medidas de apoio e ás axudas públicas para o fomento do alugueiro establecidas polo IGVS e que estivesen vixentes durante a duración do contrato. Nestes procedementos deberá esixirse que os integrantes das unidades familiares ou de convivencia que queiran arrendar cumpran unha serie de requisitos xa que os obxectivos prioritarios de mobilizar as vivendas baleiras e favorecer o acceso á vivenda de colectivos singulares, en particular, colectivos sociais especialmente desfavorecidos, vulnerables ou en risco de exclusión social, mulleres vítimas de violencia de xénero, persoas maiores e persoas novas que pretendan acceder á vivenda por primeira vez.

O IGVS para cada unha das vivendas arrendadas durante os anos 2016 e 2017 o abeiro do citado programa, proporcionará un seguro multirisco do fogar, polo que quedarán cubertos todos os danos sufridos pola vivenda durante a vixencia do arrendamento, e un seguro de garantía de cobro da renda nas mensualidades impagadas polos arrendatarios e a asistencia xurídica dos arrendadores nos procesos de desafiuzamento ou reclamacións de cantidade por impago de rendas.

Asemade, tamén se abordou a adhesión á Rede Española de Acollida de Refuxiados. Co ánimo de coordinar os procesos de acollida, a FEMP subscribiu acordos de colaboración con ACCEM, CEAR e Cruz Vermella. Tamén se abriu unha liña de colaboración e asesoramento entre a FEMP e organizacións especializadas na defensa e promoción dos dereitos humanos. Ademais, a Federación está elaborando un protocolo municipal de acollida e integración de refuxiados, que recollerá a experiencia municipal na materia e as liñas de actuación acordes coas necesidades da integración dos refuxiados na comunidade local.

As entidades locais adheridas, co apoio da FEMP, facilitarán ás condicións necesarias para unha vida digna aos refuxiados e as súas familias máis alá da primeira emerxencia de acollida, e traballarán para garantir a súa incorporación e integración no concello. Para conseguir estes obxectivos, a FEMP porase en contacto co Goberno de España e con todos os responsables políticos de institucións e organismos para obter o financiamento oportuno que garanta o mantemento e a estabilidade da Rede no tempo.

Modificación puntual do Convenio colectivo e da RPT
Outros temas tratados nas comisións informativas foron a modificación puntual do Convenio Colectivo do persoal laboral e da Relación de Postos de Traballo (RPT). Cómpre lembrar que o pasado 10 de xuño o goberno municipal chegou a un acordo cos representantes do Comité de Empresa para modificar de forma puntual o Convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Ames, para adaptalo ao Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP). Así créase dentro do convenio o grupo profesional B, que non existía ata o de agora, ao que se poderá adherir todo o persoal que para o seu acceso ao Concello de Ames se lle requiriu como titulación mínima Técnico superior (FP II) e que actualmente ten unha clasificación irregular. A diferencia salarial que supón a creación do grupo B comezarase a aboar na primeira nómina de 2017, así como os atrasos dende a entrega en vigor deste acordo que correspondan co exercicio 2016.

Outros dos acordos en materia de persoal foi a aprobación de mínimos da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Ames. A Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Ames foi aprobada no ano 2007 e desde entón non houbo ningunha revisión nin modificación posterior a pesares das esixencias legais de adaptación de dita RPT aos contidos e circunstancias das necesidades reais do Concello en material de persoal. Tan só se incluíu nela o posto de Tesoureiro, modificación feita por previsión legal.

A necesidade urxente de aprobación dun novo orzamento, que leva prorrogado desde o 2012, e a recente entrada en vigor da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, que ten unha incidencia directa no que se refire á xestión do emprego público local, e no tocante á elaboración da RPT, esixe que todos os postos que figuren na RPT estean dotados de orzamento. Nunha segunda fase abordarase con maior profundidade cada casuística de cara a obter un documento final que poida ir ano a ano actualizándose. Estes dous puntos, despois de ser negociados e aprobados polos representantes sindicais do Comité de Empresa e da Xunta de Persoal, teñen que ser aprobados polo Pleno da corporación municipal.

Aprobación do suplemento de crédito 1/2016
A través desta operación o Concello de Ames realiza unha modificación de crédito para habilitar o diñeiro necesario co obxectivo de facer fronte ás actuacións que se recollen no Plan de Aforro e Investimento da deputación da Coruña. Dentro deste plan ao Concello de Ames correspóndelle o importe de 447.349,02 euros.

Esta convocatoria de axudas permite adicar unha parte da contía asignada a cada Concello para a redución do endebedamento e outra parte a investimentos en obras. Deste xeito, no pleno de febreiro aprobouse que se adiquen 101.280,16 euros á minoración da débeda. Este importe dedicarase a saldar parte dun préstamo que se subscribiu no ano 2010 cunha entidade bancaria. Ademais, adicaranse 346.068,86 euros á reparación e acondicionamento do cemiterio municipal de Ames. Así, algo máis das tres cuartas partes desta subvención provincial será invertidas no arranxo e mellora das instalacións deste camposanto. Posteriormente, no mes de marzo a Deputación aprobou de xeito definitivo estas actuacións.

Outros asuntos tratados foron a ratificación de tres decretos de Alcaldía referentes á elaboración de tres novos proxectos técnicos nos que se corrixen diferentes erros detectados nos proxecto de obras de reparación e acondicionamento do cemiterio municipal; do parque infantil do entorno da Travesía do Porto; e da obra de reparación de solados, accesibilidade e peches do complexo de piscinas públicas municipais do Milladoiro. Por último, abordouse a elección do xuíz de paz titular do Concello de Ames.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames debatirá mañana en pleno la adhesión al plan de viviendas vacías y la acogida de refugiados"
El Correo Gallego: "Fondos para terminar el cementerio y plan para las viviendas vacías en Ames"