Pestanas principais

As comisións informativas previas ao pleno ordinario de marzo centran o seu debate nos eidos económico, social e patrimonial

Martes, 03 de abril de 2018

[03-04-2018] Este luns, 2 de abril, realizáronse as comisións informativas previas ao pleno ordinario de marzo que se celebrará este xoves, 5 de abril, ás 20:30 horas. En ditas comisións informativas abordáronse varios temas económicos como o suplemento de crédito 1/18 e mailo cambio de finalidade dos recursos afectados do préstamo no 2010 e resto de préstamos anteriores para a realización de novos investimentos. Asemade, tratouse a primeira modificación puntual do regulamento do Fondo de Acción Social; a aprobación do regulamento da Mesa de coordinación intersectorial do Concello de Ames, dentro do ámbito da Estratexia de promoción da saúde e prevención do sistema nacional de saúde; o convenio de colaboración para o desenvolvemento do programa “Xantar na casa”, e mailo convenio de colaboración para regular o proxecto parque “Compostela rupestre”.

Co remate do exercicio 2017, constatouse a existencia de varios proxectos de investimento pendentes aínda de remate, financiados todos eles con recursos afectados. No exercicio 2016 o Pleno acordara o cambio de destino dos excesos afectados de préstamos do 2010 e resto de préstamos anteriores e excesos de ingresos de carácter finalista, para destinalos a novos investimentos. O feito de non terse recoñecido obrigas contra os mesmo (ou non telo feito pola totalidade do importe do proxecto), determina a existencia de remanentes de crédito en cada unha das aplicacións orzamentarias que amparan as actuacións. Estes remanentes foron xa incorporados ao exercicio 2018. Algunhas das actuacións recollidas están sendo executadas no exercicio 2018, mentres que outras actuacións xa se acometeron ou vanse acometer financiándose con novos recursos, considerando máis conveniente destinar ditos excesos a novos investimentos.

Os remanentes de crédito incorporados ao exercicio 2018 que non se atopan comprometidos son os seguintes: obras de acometida eléctrica para o bombeo de Novais -financiada co canon do Ciclo integral da auga- (26.803,57 euros); a ampliación do alumeado público en distintas parroquias (8,21 euros); achegas da comisión parroquiais ou veciñas 2017 (22.822,46 euros); honorarios dos técnicos da marquesiña do Agro do Muíño -baixa no orzamento- (513,45 euros); reparación de pontella e canalización de augas pluviais no lugar de Lamas -canalización realizada en 2017- (14.845,02 euros); e vehículo para o departamento de obras -baixa na adxudicación- (1.000 euros). En total, todos estes importes suman unha contía de 65.992,71 euros.

Deste xeito, acordouse anular a incorporación de remanentes 2/2018 nos devanditos importes para podes destinar o exceso de investimentos a estas novas actuacións: acondicionamento dos parques caninos (5.000 euros); peche do muro do cemiterio municipal (15.992,71 euros); e adecuación do acceso á praza de Correos no Milladoiro (45.000 euros). Todos estes investimentos suman unha contía de 65.992,71 euros. De xeito parello a este punto, tamén se abordou o cambio de finalidade dos recursos afectados do préstamo no 2010 e resto de préstamos anteriores para a realización de novos investimentos. Para poder levar a cabo os devanditos proxectos é preciso cambiar o destino dos recursos económicos e tramitar o correspondente expediente de modificación de crédito na modalidade de suplemento de crédito.

Modificación do regulamento do Fondo de Acción Social
Por outra banda, abordouse a primeira modificación puntual do regulamento do Fondo de Acción Social do Concello de Ames. Tratase de aprobar en Pleno o acordado en Mesa Xeral de Negociación o pasado 19 de decembro de 2017, co obxectivo de modificar puntualmente o artigo 12 de dito regulamento para que as partidas da primeira e terceira sección queden excluídas das porcentaxes de reparto estipulado, e proceder ao reparto da porcentaxe que se establecía para a sección terceira no resto de seccións.

Deste xeito, previamente á tramitación de calquera outro tipo de subvención, resolveranse as correspondentes ás subvencións por fillos/as, cónxuxe ou calquera persoa a cargo do beneficiario con discapacidade física, psíquica ou sensorial ou persoas en situación de dependencia e as axudas para tratamentos sanitarios non contemplados na sanidade pública, que terán a consideración de preferentes. En calquera caso, as contías destinadas a estes conceptos serán aboadas na súa integridade ata o límite do total asignado para o conxunto da acción social establecido para cada exercicio. Asemade, modifícase a distribución das porcentaxes no citado artigo 12 para axudas contempladas na sección terceira.

Rede Española de Cidades Saudables
O pasado 24 de novembro de 2015 o Concello de Ames adheriuse formalmente á Rede Española de Cidades Saudables (RECS), en cumprimento do acordo plenario do 24 de setembro de 2015. Como consecuencia da anterior adhesión, o 26 de maio de 2016, o Concello de Ames incorporouse á Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención no Sistema Nacional de Saúde (SNS). Para a implementación local da estratexia, débense desenvolver dúas accións que son a identificación de recursos para a promoción da saúde e a prevención (mapa de recursos comunitarios) e a constitución dunha mesa de coordinación intersectorial. O mapa de recursos comunitarios xa foi elaborado e remitido á Rede española de Cidades Saudables, quedando pendente a constitución da devandita mesa. Neste senso é preciso aprobar o regulamento de creación de dita mesa, antes de que se tramite a súa constitución.

Programa Xantar na casa e parque Compostela rupestre
Asemade, falouse da aprobación do convenio de colaboración entre o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e a Concellería de Política Social do Concello de Ames para o desenvolvemento do programa Xantar na casa. Deste programa poderán beneficiarse as persoas maiores de 60 anos, que teñan limitada a súa capacidade de autonomía persoal e sen rede de apoio que puidese suplir tal situación. Tamén poden ser beneficiarias as persoas dependentes que carezan de apoio familiar e que requiren de axuda para a preparación de alimentos, así como as persoas menores de 60 anos que están en situación de exclusión social.

Por último, tratouse a sinatura do convenio que recolle as bases de cooperación entre a Deputación da Coruña e os concellos de Ames, Boqueixón, Brión, Santiago de Compostela, Teo e Val do Dubra para regular o proxecto do parque Compostela rupestre. Debido a importancia histórica, arqueolóxica e patrimonial dos petróglifos existentes no termo municipal de Ames e nos concellos da contorna, propúxose por parte da Deputación da Coruña a creación dunha entidade intermunicipal para a xestión colectiva da arte rupestre (petróglifos) co obxectivo de poder financiar determinadas actuacións neste ámbito.

Contido relacionado


Ames Go: "O Pleno do 5 de abril abordará o listado de novas obras a financiar co remanente do ano anterior"
Lindeiros: "Primeiros pasos para a creación do Parque Compostela Rupestre"
Compostela 24 Horas: "Las comisiones informativas previas al pleno ordinario de marzo centran su debate en el campo económico"
La Voz de Galicia: "Obras en el muro del cementerio y nuevos fondos para mejorar los parques caninos"
El Correo Gallego: "Teo y Ames impulsan en sus plenos el parque arqueológico de la comarca"
La Voz de Galicia: "Diputación y concellos de la comarca crean el Parque Compostela Rupestre"