- Tematica
No marco da conmemoración do Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller 2021, a Concellaría de Igualdade organiza a representación de “Golpes”, da Compañía aAntena, unha obra que amosa as diferentes caras da violencia de xénero. En Ames preséntase coa intención de que a mocidade coñeza esas distintas formas de violencia e reflexione e identifique a desigualdade latente entre homes e mulleres.“Golpes” porase en escena o día 24 de novembro, ás 13:00 horas, na Casa de Cultura de Bertamiráns.
Estreada no ano 2018, dirixida por Xosé Leis e interpretada por Estíbaliz Veiga, “Golpes” denuncia, dun xeito directo e sen ambaxes, a violencia machista a través da voz de Pamela, unha muller que namorou baixo os postulados do amor romántico e rematou sendo vítima desta lacra social que supón a agresión ás mulleres.
Dun xeito directo, “Golpes” busca que o espectador identifique todos e cada un dos índices sociais que marcan a violencia contra as mulleres no cotiá. “Pretendemos que a sociedade reflexione e identifique eses actos de violencia e que vexa canto traballo hai por facer para vivir nun mundo igualitario; queremos deixar constancia de como nas accións máis cotiás aparece ese “golpe” da desigualdade que tantas veces desemboca en graves actos de violencia machista”, declara a compañía aAntena no decálogo de intencións da obra.
“Golpes”é para min é unha viaxe na procura dun mellor mundo , unha travesía que sempre quixen percorrer comprometida con todas as mulleres”, declara a actriz mariñana Estíbaliz Veiga, graduada e Pedagoxía Teatral e protagonista única da peza.
Para Xosé Leis, director da obra e tamén graduado en Pedagoxía Teatral: “Golpes é un xeito de amosar como a muller nas novas xeracións continua a vivir nun mundo desigual e como a nosa sociedade ten moito que mudar para que os homes deixemos de nos sentir por riba das nosas compañeiras e poidamos falarnos e sentirnos nunha relación de igual a igual”.
Pola súa banda, para concelleira de Igualdade, Luísa Feijóo, o feito de que Pamela, a protagonista, consiga saír de ese círculo de violencia “contribúe a sementar esa visión de que un mundo mellor é posible, ao tempo que pon de manifesto un feixe de actitudes e condutas cotiás que por si soas son actos de violencia machista e que en demasiadas ocasións pasan case desapercibidas”.
“Golpes” represéntase o 24 de novembro, ás 13:00 horas, na Casa de Cultura de Bertamiráns.