Pestanas principais

A compañía As Dríadas representa o espectáculo de danza In-Nova

Luns, 26 de decembro de 2011

[26-12-2011] O Concello de Ames organiza para os días 26 e 29 de decembro un espectáculo de danza moderna e hip-hop a cargo da compañía As Dríadas. Esta actividade, que se enmarca dentro da programación municipal para este Nadal, está dirixida a todos os públicos. Este espectáculo será representado na Casa da Cultura do Milladoiro o luns 26 de decembro, ás 17:00 horas, e o xoves 29 de decembro na Casa da Cultura de Bertamiráns. De xeito paralelo realizase un obradoiro de danza, que se desenvolve o luns, 26 de decembro, na Casa da Cultura do Milladoiro e o xoves 29 do mesmo mes celebrarase nas instalacións da Casa da Cultura de Bertamiráns.

O Concello de Ames ten preparada unha ampla programación cultural para o mes de decembro. Dentro desta programación atópase a representación do espectáculo de danza moderna In-Nova, Danza Moderna e Hip-Hop, a cargo da compañía As Dríadas. Esta compañía innova un espectáculo de fusións no que o hip-hop, new estyle e a danza moderna son os protagonistas. Complementado con outros estilos, o espectáculo pretende expresar a liberdade e a espontaneidade da mocidade. Representarase na Casa da Cultura do Milladoiro o luns 26 de decembro, ás 18:00 horas, e o xoves 29 de decembro na Casa da Cultura de Bertamiráns á mesma hora. A obra está pensada para todos os públicos.

Antes do espectáculo, a mesma compañía impartirá un obradoiro de danza moderna dirixido a todos os públicos. Aínda que a actividade está aberta a calquera idade, dende a compañía recoméndase que o alumnado teña unha idade comprendida entre os seis e os catorce anos. Os profesores encargados de impartir o obradoiro serán Alba Fernández e Estefanía Gómez. Con esta iniciativa preténdese achegar o mundo da danza moderna a toda a cidadanía amiense e crear unha pequena coreografía.

O obradoiro consistirá fundamentalmente na preparación dunha coreografía, creada nun 90% por parte das profesoras, e nun 10% polos/as alumnos/as, mediante diferentes premisas establecidas, xogando coa enerxía, o nivel dos movementos e a técnica de contacto entre o alumnado. Todo iso para fomentar a creatividade. Ademais, se dá tempo, elaborarase unha batalla de baile, na que o alumnado ensinará todo o que aprendeu durante o curso. O obradoiro rematará con exercicios de estiramento para evitar o agarrotamento dos músculos.