Pestanas principais

A compañía Ibuprofeno Teatro presenta en Bertamiráns “O Furancho”

Xoves, 29 de outubro de 2015

[29-10-2015] A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle o venres 30 de outubro, ás 21:00 horas “O Furancho” de Ibuprofeno Teatro. A obra, dirixida por Santiago Cortegoso e interpretada polas actrices Marián Bañobre e Isabel Risco, acadou o premio ao mellor espectáculo na 26ª edición do FETEGA, o Festival de Teatro Galego do Carballiño. Ademais Isabel Risco acadou o premio á Mellor Actriz. Esta obra está dirixida ao público adulto e xuvenil. As entradas para asistir a este espectáculo poden reservarse ata o venres 30 de outubro, ás 14:00 horas, a través do teléfono 981 53 59 40 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org.

Dúas mulleres fortes, con carácter e desbordante personalidade, que definen a la perfección a esencia enerxética e desvergonzada das pallasas protagonizan “O Furancho”. A peza basease neses dous personaxes femininos que queren ser fonte de inspiración para todas esas loitadoras que poñen o mundo patas arriba para conquerir que os seus soños se fagan realidade.

Segundo a Compañía Ibuprofeno Teatro “O Furancho é un espazo cargado de ‘agroglamour’ no que se fusionan as tendencias más ‘trendies’ con elementos propios da máis pura tradición, como los zocos e o pololo. Cada un dos detalles é parte dun todo harmónico configurado a partir de estilismos minimalistas e cálidos que sintetizan o pasado co presente, o rural co cosmopolita, o loureiro coas novas tecnoloxías”.

“O Furancho” foi ideado polas actrices Marián Bañobre e Isabel Risco. Santiago Cortegoso encargouse de escribir o texto, dirixir a montaxe e crear, xunto con Marian Bañobre, o espazo escénico. Da iluminación encargouse Salvador del Río e da imaxe Diego Seixo. O movemento escénico correu a cargo de Carmela Bueno, o vestiario é obra de Marián Bañobre e a relización do vestiario é de María Negreira. As zocas foron ideadas por Elena Ferro. O deseño de son é de Quito e a música foi creada por Radio Cos. Ningures Producción encárgase da cobertura técnica e na produción, que corre a cargo de Ibuprofeno Teatro, colaboran AAAG e o Centro Dramático Galego.

O Furancho gañou o premio ao mellor espectáculo no FETEGA, despois de que o público do Carballiño a considerara como o mellor espectáculo da 26ª edición do Festival de Teatro Galego. Ademais o xurado concedeulle a Isabel Risco o premio á Mellor Actriz desa edición do certame.