[28-04-2011] A obra de teatro "Go on!", unha divertida comedia sobre a chegada do home a Galicia no ano 2010, será representada pola compañía Malasombra este venres, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. A peza teatral, da autoría de Xosé Luís Prieto, conta coa dirección de Marcos Orsi e as actuacións de Xoque Carbajal e Jouse García. Durante 70 minutos os espectadores asistirán a unha viaxe chea de humor por Galicia na que se vivirán momentos de tensión como a loita contra o can de palleiro e haberá grandes descubrimentos como a resposta á pregunta por excelencia na nosa terra: que din os rumorosos?
O teatro máis divertido volve a Ames esta semana da man da compañía Malasombra. Baixo a dirección de Marcos Orsi, os actores Jouse García e Xoque Carbajal representarán o día 29 de abril, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns a obra "Go on!", unha epopea cómica de Xosé Luís Prieto sobre o gran paso da humanidade tras a chegada do ser humano á Lúa: a chegada do ser humano a Galicia. "Go on" narra a viaxe, no ano 2010 (ou ano 25 despois de Gayoso), de dous intrépidos exploradores que chegan á nosa terra a través da ruta xacobea.
Deste xeito, ao longo de 70 minutos, a obra amosa de xeito cómico e entrañábel algunhas das características de Galicia, incluíndo figuras como o clásico can de palleiro ou mitos do país como a Santa Compaña, sobre a que se formula un gran interrogante: cada canto tempo cambian as sabas? "Go on!" é un completo folleto turístico que servirá para que outros ousados viaxeiros saiban como conseguir alimento nas festas gastronómicas ou como viaxar nun tren galego a velocidade negativa cheo de galegos cantando cancións populares, ademais de como ser porco e sobrevivir no San Martiño.
Os protagonistas da aventura vivirán peripecias inesquecibles, como a entrevista a un porco no corredor da morte polo San Martiño. Tamén aprenderán que facer logo de sufrir o terrible ataque dun toxo e descubrirán a resposta á pregunta que desde hai xeracións se converteu no gran enigma da nosa terra: que din os rumorosos?
Con "Go on!" os espectadores poderán achegarse deste xeito a Galicia dunha forma divertida, paródica en moitos casos e chea de bo humor. Un ollar sobre a nosa terra da man de dous ousados exploradores que deixan o equipo de "Al filo de lo imposible" como simples aficionados.