Pestanas principais

A compañía teatral catalá Titzina chega a Ames coa representación de “Búho” este venres, 3 de febreiro

Martes, 31 de xaneiro de 2023

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este venres, 3 de febreiro, a representación da obra de teatro “Búho”, da compañía catalá Titzina Teatro. Será ás 20:30 horas. A obra narra —en castelán— a historia de Pablo, un antropólogo forense que sofre un ictus e acaba padecendo amnesia severa. Os espectadores poderán asistir a unha procura interior pola súa memoria para recuperar as súas lembranzas, e, en definitiva, a súa identidade. Esta representación forma parte do convenio asinado entre o Concello e a Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), e da programación cultural de Ames para o primeiro semestre do ano. As entradas xa se poden adquirir na Billeteira electrónica do Concello.

“Búho” é unha historia que ten como base a indagación na identidade. O grupo de traballo que creou a obra partiu da noticia dun director de orquestra que, afectado pola amnesia, non podía recordar nada durante máis de sete segundos. A partir dese momento comezou un longo traballo de investigación antropolóxica, de entrevistas e de convivencias, explorando as relacións e os conflitos cotiáns, e elevándoos a unha dimensión cómica e tráxica.

Durante os case dous anos de creación da obra teatral, o equipo foi acompañado por espeleólogos, aventureiros urbanos, antropólogos forenses especializados en arte rupestre, neuropsicólogos e ata pacientes do instituto Guttman para a rehabilitación da memoria. Dese xeito, logrouse plasmar a realidade o máis fidedignamente posible.

“Búho” consegue, segundo a crítica, lograr ambientes visualmente oníricos, e unha linguaxe trepidante que combina artes escénicas diversas. O texto, a música, e interpretación, as luces, a escenografía e o vídeo constrúen un relato dirixido a todo tipo de público.

As entradas para a representación poden adquirirse por cinco euros a través da Billeteira electrónica do Concello, ou ben na Casa da Cultura do Milladoiro, antes do comezo do espectáculo. Os estudantes con carné que certifique a súa condición, as persoas maiores de 60 anos, os menores de 12 anos, as familias numerosas, os mozos e mozas con carné xove e as persoas demandantes de emprego poden beneficiarse dun desconto do 50% do custo ordinario da entrada. Rógase aos espectadores puntualidade.

Titzina Teatro
Nesta ocasión, a Concellería de Cultura aposta por Titzina, una compañía catalana con marcada personalidade, que acadou un posto destacado no teatro contemporáneo en España. O grupo crea as súas obras a partir dun longo traballo de investigación antropolóxica, e todos os seus traballos se caracterizan por ser afinados, suxestivos, fondos e poéticos.

A idea, creación e dirección de “Búho” corre a cargo de Diego Lorca e Pako Merino, que se coñeceron en 1999 na Escola Internacional de Teatro Jacques Lecoq de París. Dende entón, traballan xuntos cunha mesma sinal de identidade: adentrarse na vida das persoas e abordar realidades, moitas veces descoñecidas, que permitan transportar ao escenario o máis destacable do ser humano. Durante máis de dúas décadas, as historias de Lorca e Merino levan percorrendo auditorios nacionais e internacionais. As súas obras están publicadas, e, ademais, a ópera prima “Folie a deux/Sueños de un psiquiátrico” foi adaptada ao cine.

Ao longo da súa traxectoria profesional os traballos do dúo foron recoñecidos con numerosos galardóns, entre os que se inclúen o de Mejor Espectáculo Nacional de Teatro (Sala Rusaffa de Valencia), Mejor Dirección (Festival de Teatro de Palencia) ou Mejor Obra (Associació d’espectadors del Teatre del Mar de Palma de Mallorca). Para consultar máis información sobre os directores pódese premer na seguinte ligazón.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Titzina representará 'Búho' este venres no Milladoiro"

Cartel da obra "Búho"

Multimedia

  • A compañía teatral catalá Titzina chega a Ames coa representación de “Búho” este venres, 3 de febreiro