Pestanas principais

Compostela Rupestre avanza na promoción da riqueza arqueolóxica dos concellos de Ames, Santiago de Compostela, Brión, Teo e Val do Dubra

Xoves, 18 de marzo de 2021

O concelleiro responsable da área de Patrimonio Histórico do Concello de Ames, David Santomil, participou na xuntanza que se celebrou onte, 17 de marzo, en Teo. Trátase da primeira reunión do consello directivo na que se presentou un vídeo que destaca o tesouro do "Pórtico da Gloria da nosa prehistoria".

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o deputado de Patrimonio, Xosé Luís Penas, xunto con representantes dos concellos de Ames, Santiago de Compostela, Brión, Teo e Val do Dubra participaron na xuntanza do consello directivo do parque que se desenvolveu por vez primeira no concello de Teo que asume por un ano a presidencia da entidade. No marco da reunión, mostrouse o vídeo promocional da riqueza arqueolóxica do territorio e aprobouse o desenvolvemento da redacción do Plan Director para o que se están a iniciar os traballos.

O Concello de Teo acolleu a primeira xuntanza do consello directivo de Compostela Rupestre na que, entre outras cousas, se estreou o vídeo documental sobre a riqueza arqueolóxica do territorio incluído no parque e se botou a andar a redacción do Plan Director. Ademais do vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira e o deputado de Patrimonio, Xosé Luís Penas, participaron na xuntanza o alcalde de Teo, Rafael Sisto ademais das concelleiras Mayte Argibay e María López; a tenente alcalde de Santiago, Mercedes Rosón, o tenente alcalde de Ames, David Santomil e a concelleira Carlota Díaz, a concelleira de Brión, Sandy Marie Cebral e o concelleiro de Val do Dubra, Óscar Del Río Pombo, xunto con persoal técnico das distintas institucións.

O vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo destacou na súa intervención que o proxecto inicia un novo tempo presidido polo concello de Teo, que dirixiu xa esta xuntanza achegando distintas propostas, que será fundamental para a súa definición e promoción. Quixo, na súa intervención, destacar o avance desenvolvido no pasado anos co concello de Ames e o tenente alcalde, David Santomil, á fronte en "cuestións básicas como a imaxe corporativa, a elaboración do vídeo, a contratación do plan director ou mesmo a implicación de distintos actores do territorio" que sentou as bases deste novo tempo que virá definido pola execución do plan director e a promoción do proxecto.

"Toca agora avanzar neste sentido e na difusión do tesouro que temos nas nosas mans para que a poboación coñeza o valor do noso patrimonio para o que é preciso deseñar unha estratexia de aproveitamento do investimento que estamos a realizar co fin de situar este territorio como destino de visitantes ao que se lle pode ofrecer un produto diversificado, con puntos de interese ademais dos Camiños e a Catedral", destacou Xosé Regueira.

Na xuntanza, presentouse o vídeo que promocionará o patrimonio rupestre do territorio do parque, un relato narrativo que enlaza a forza patrimonial cos catro elementos naturais e coa conexión coa súa longa historia. O director do proxecto audiovisual, Aser Álvarez, de Arraianos Producións, destacou o interese do patrimonio rupestre promocionado que, segundo dixo, conecta coas raíces, co que somos, e forma parte dun xeito de ser e estar que se deu na Europa Atlántica, cunha grande concentración no noso territorio".

O vídeo, que conta con versión en galego, castelán e inglés, destaca o interese dos máis de cento cincuenta xacementos que están contabilizados no territorio e Compostela Rupestre, un patrimonio que recoñece como "o Pórtico da Gloria da nosa prehistoria que continúa entusiasmando a moitísima xente".

Plan director en marcha
O plan director, que ten seis meses como prazo de execución e foi adxudicado por concurso á empresa Trivium, ten como obxectivos investigar o patrimonio rupestre dos municipios que integran o proxecto; protexer, manter e conservar a riqueza arqueolóxica e o seu ámbito físico, divulgar e comunicar e deseñar o modelo de xestión de cara a actuacións futuras.

O plan recollerá as estacións rupestres que forman parte do parque e que están incluídas actualmente na web. Entre outros petróglifos, estudaranse os do Vilar, Nave de Mourigade, Monte das Pedras, Oca e Peneda Negra no concello de Ames; Monte Pumariño en Brión; Correxíns, O Rexio, Rula 1 e 2, Os Cortellos 3 ou Pedra a Loba, Castriño de Conxo e A Pedra que Fala en Santiago de Compostela; Río Angueira 1 e 1, Outeiro do Corno e Pedra Bicuda do Loureiro en Teo e Pedra do Home en Val do Dubra. A análise xeral do espazo físico do futuro parque incluíndo a información ecolóxica pertinente para a súa xestión (topografía, vexetación, augas, erosión, etc) forma parte dos traballos do plan no que tamén se compilará, estudará e valorará a información dos petróglifos, avaliarase o seu estado de conservación e o seu medio.

Un plan de documentación e investigación, un plan de protección, conservación preventiva e mantemento e un plan de divulgación, comunicación e musealización constitúen os tres eixes do programa de actuacións do Plan Director.

O consello asesor do proxecto, está integrado por representantes técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio, Deputación da Coruña (arquitecto), Universidade de Santiago de Compostela (USC), Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT), Asociación A Rula e tres arqueólogos municipais. Preme nesta ligazón para visualizar o vídeo de Compostela Rupestre.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Compostela Rupestre estudiará 18 petroglifos y divulgará «o Pórtico da Gloria da prehistoria"

El Correo Gallego: "Compostela Rupestre ya tiene su plan director y vídeo promocional"

Compostela Rupestre

Multimedia

  • Compostela Rupestre
  • Embedded thumbnail for