- Tematica
Durante 4 semanas máis de 2.500 nenos e nenas do concello de Ames comprometéronse a falar galego o máximo posible con todo o mundo e en todos os contextos da vida cotiá, dentro e fóra das aulas, xogando e conversando coas amizades, nas tendas, nas actividades extraescolares, na casa. Participaron a través do programa Modo galego, Actívao!, impulsado polo Concello de Ames e a Real Academia Galega. A través de 16 retos o alumnado participou en diferentes actividades nas que se fomentou o uso da lingua galega. A terceira edición deste proxecto de investigación e acción implicou dunha maneira lúdica os nenos e nenas dos centros públicos de infantil e primaria amesáns e, como novidade, este ano estendeuse ao alumnado de 1º e 2º da ESO dos institutos do Milladoiro e Bertamiráns.
Chegou o día 25 e polo tanto o último día da terceira edición do programa Modo galego, actívao! O último reto desta iniciativa estivo protagonizado polo grupo amesá As Maianas e polo alumnado dos centros de ensino. Deste xeito, pechouse o programa bailando e cantando conxuntamente a canción Falo galego porque quero!! que as propias Maianas crearon explicitamente para o programa Modo Galego, Actívao! O obxectivo foi que neste ano no que a música tradicional vai ser protagonista do Día das letras Galegas, activar tamén uso do galego cantando e bailando dun xeito lúdico e festivo.
As integrantes das Maianas achegáronse este venres, 14 de febreiro pola mañá, ata os centros de ensino da Maía, Agro do Muíño, Barouta e EEI do Milladoiro para realizar os ensaios finais e para acompañar con pandeiretas o momento do baile. Nos CEIP da Maía, Agro do Muíño e Barouta participou o alumnado de infantil e todos os cursos de primaria; mentres que na EEI do Milladoiro cantaron e bailaron os rapaces e rapazas de infantil.
Ademais, nas dúas escolas infantís municipais, a Madalena no Milladoiro e o Bosque en Bertamiráns, tanto o persoal como o alumnado despediron o Modo Galego cantando e bailando ao son das Maianas.
Visita das autoridades municipais, da Xunta e da RAG
Para pechar o programa, o alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Planificación e Xestión Educativa e Mocidade, Carmen Porto, recibiron no CEIP de Barouta ao conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, ao secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e ao coordinador do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo. Tamén participaron concelleiros/as do grupo de goberno e dos grupos municipais do Partido Popular e do BNG. Neste centro estiveron co seu director, Alonso Caxade, vendo como se desenvolveu este último reto no que o alumnado e o profesorado, acompañados das Maianas, cantaron e bailaron a canción Falo galego porque quero!!
O alcalde de Ames e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, indicou que “a valoración deste ano é moi positiva, creo que os nenos e nenas que levan xa un tempo participando no programa tamén se van adaptando e imos continuar co Modo Galego. Os datos están aí e é necesario seguir apoiando e traballando pola nosa lingua con programas coma este que fomenten o uso do galego entre os máis mozos. Temos asinado coa Real Academia Galega un convenio para continuar con este programa ata o ano 2026, polo que o Modo Galego está garantido nas escolas de Ames, pois as rapazas e os rapaces son o futuro do galego, e é con elas e con eles cos que debemos traballar na conservación do idioma”.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou que “a Xunta participará e colaborará neste proxecto porque coincide coa estratexia e cos datos que estamos manexando. Sabemos que un dos espazos máis importantes para normalizar o uso do galego é o ámbito educativo e dende dito ámbito pódese actuar en varios espazos, no propio interior das aulas coa parte formativa, pero nós entendemos que hai que incidir no apartado da socialización. Temos que conseguir iniciativas que permitan que os nenos ademais de ter as competencias en galego, socialicen en galego. Creo que esta iniciativa recolle perfectamente esta filosofía, a de activar o modo galego no comedor, no patio e nas actividades extraescolares. Creo que esta é a fórmula para normalizar o uso do galego e que o interioricen para ter unha sociedade no futuro máis formada e máis comprometida, e sobre todo, que sexamos quen de seguir transmitindo este legado do patrimonio máis importante que temos que é o noso idioma”.
O coordinador do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, dixo “creemos que é moi importante realizar este tipo de iniciativas que están moi apegadas ao terreo, porque conseguen involucrar as familias e os centros de ensino. Está pensado como un modelo que se pode exportar a outros concellos, pero para adquirir unhas dimensións maiores, precisa dos apoios locais dos Concellos, pero tamén da Xunta de Galicia. Estamos pendentes de facer unha avaliación detallada sobre como está resultando este ano a experiencia do Modo Galego, Actívao! no concello de Ames, pero xa podemos adiantar que nesta edición constátase unha maior adhesión tanto dentro coma fóra das aulas. Xa conseguiramos moita participación en edicións anteriores, pero o grande éxito deste ano é a gran implicación das familias”.
Un mes para activar a lingua
A terceira edición de Modo galego, actívao! propuxo unha serie de iniciativas que se desenvolveron ao longo dun mes. A primeira semana asinouse o Acordo de compromiso lingüístico nas aulas da ESO e negociouse entre o profesorado e o alumnado unha serie de recompensas acordes co nivel de implicación de cadaquén. Se seguido, propúxolles aos estudantes de secundaria un reto semanal, como procurar que persoas da súa contorna se animen tamén a comprometerse coa activación do galego ou buscar a complicidade de artistas.
Para infantil e primaria, houbo un reto diario ata hoxe 14 de febreiro, animando os nenos e nenas a compartiren soños, música, trabalinguas ou películas en galego, e propoñéndolles tamén que buscasen a complicidade doutras persoas para activaren o idioma propio de Galicia a través de cartas ou a gravación de audios. Por cada desafío cumprido, a rapazada recibiu un adhesivo que representa un superpoder co que completar unha sorte de cartilla do programa, deseñada por Ruth Caramés.
Colaboración de distintas personalidades
A iniciativa contou coa colaboración de distintas personalidades, para presentar os distintos retos diario que tivo que desenvolver o alumnado; o presidente da RAG, Víctor Freixanes; o alcalde Ames, Blas García; o Apalpador e o Pandigueiro; o director do IES do Milladoiro e músico, Manolo Maseda; o músico apaixonado dos instrumentos, Cé Orquestra Pantasma; a actriz de dobraxe, Antía Castro; a comunicadora e cantante da orquestra Panorama, Fátima Pego; e a contadora e actriz Bea Campos.
Tamén participaron o pallaso máis comprometido e solidario, Peter Punk; o músico, actor e contador, Paco Nogueiras; o especialista en toponimia, Vicente Feijoo; o músico e director do CEIP Barouta, Alonso Caxade; a creadora de contidos @Konachadas, Nuria Grandío; a narradora oral, Vero Rilo; o grupo musical de cantareiras e pandeireteiras As Tanxugueiras; o propio Son Goku na voz do dobrador veciño de Ames Antón Rubal, e o grupo de música tradicional amesán, As Maianas.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Unha foliada escolar pecha a campaña de dinamización da lingua co Modo Galego"
La Voz de Galicia: "«Falo galego porque quero!» convértese na canción que reforza a lingua en Ames"