- Tematica
Pasadas as tres semanas que se deron de prazo para presentar posibles achegas, onte mércores 17 de xullo realizouse unha xuntanza de traballo da comunidade educativa que compón o Consello Escolar Municipal de Ames. En dita xuntanza traballouse na modificación da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación dos servizos complementarios educativos e de conciliación do Concello de Ames.
O salón de plenos da Casa do Concello acolleu este mércores, 17 de xullo, unha xuntanza de traballo da comunidade educativa que compón o Consello Escolar Municipal de Ames. En dita xuntanza traballouse na modificación da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación dos servizos complementarios educativos e de conciliación do Concello de Ames. No servizo de Comedor escolar acordouse que o tramo que vai do 30 ao 50% do IPREM quede en 35 euros, é dicir, que non sube. Ademais, vanse establecer dous novos tramos: un que vai do 300 ao 400% do IPREM e outro que é maior de 400% IPREM. Os tramos do 50% ao 70% do IPREM e do 70% ao 90% terán un custo menor que na actualidade.
Para os programas lúdicos non hai modificacións e na Escola de verán acordouse modificar os dous primeiros tramos: o primeiro de 0 a 30% do IPREM e o segundo do 30 ao 50% do IPREM. Por outra banda tamén se acordou actualizar todos os servizos de conciliación conforme ao IPC de forma anual (compromiso que debe constar na ordenanza), así como facer unha revisión ao final do curso 24-25 para analizar a modificación acordada e determinar se é necesario facer algún tipo de axuste, especialmente nos Lúdicos e na Escola de Verán.
Tendo en conta que segundo as liquidacións dos últimos anos o Concello está soportando cada vez maior gasto no servizo de comedores e nos servizos de conciliación de lúdicos e Escola de verán, considérase necesario modificar a ordenanza fiscal, xa que desde o ano 2012 os prezos dos diferentes servizos non tiveron variación algunha. O alcalde, Blas García explicou que “esta revisión de cotas obedece exclusivamente a que os servizos de conciliación do Concello de Ames poidan seguir mantendo o nivel de calidade que teñen ata o de agora, e que fixeron deles un referente en toda Galicia”. Pola súa parte a concelleira de Educación expresou que o que se pretende con esta reforma é que este sexa un sistema solidario e sostible no tempo.
Dende o departamento de Educación elaborouse un informe técnico – económico para determinar os custes sobre todos os servizos complementarios (Bos Días, tardes Divertidas, Comedor escolar, programas lúdicos e a Escola de verán) de cara a levar a cabo unha modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación dos servizos complementarios educativos e de conciliación de vida familiar e laboral do Concello de Ames. Dito estudo foi elaborado en base ao número de usuarios/as que houbo no ano 2023, e que en comedores rondan os 1.500.
No día de onte tamén se acordou, igual que na anterior xornada do Consello Escolar Municipal do pasado día 25 de xuño, realizar un estudo de custos reais no que se teñan en conta as amortizacións. Ese mesmo día o Goberno presentou unha proposta sobre a modificación da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación dos servizos complementarios educativos e de conciliación, así como do borrador para a modificación do Regulamento da Rede municipal de comedores escolares, Bos Días Cole e Tardes Divertidas.
Acordos sobre a ordenanza fiscal dos servizos complementarios
A dita xuntanza asistiron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Planificación e Xestión Educativa, Carmen Porto; concelleiros/as dos grupos políticos municipais do Partido Popular, Bloque Nacionalista Galego e Espazo Común; as ANPAS Millapeques, Agro do Muíño, IES de Ames, Ventín e A Maía; e as direccións de Agro do Muíño e EEI do Milladoiro.
Deste xeito, chegouse ao acordo de que no servizo de Comedor escolar o tramo que vai do 30 ao 50% do IPREM quede en 35 euros, é dicir, que non sube. E por arriba establécense dous novos tramos: un que vai do 300 ao 400% do IPREM e outro que é maior de 400% do IPREM. Os tramos do 50% ao 70% do IPREM e do 70% ao 90% terán un custo menor que na actualidade. Os programas lúdicos non sufrirán modificación algunha. Sobre o servizo de Escola de verán acordouse modificar os dous primeiros tramos: o primeiro de 0 a 30% do IPREM e o segundo do 30 ao 50% do IPREM.
O acordo sobre o servizo de Comedor escolar saíu adiante co voto a favor de todos os asistentes, excepto dos representantes dos grupos políticos municipais do Bloque Nacionalista Galego, Espazo Común e da ANPA de Ventín, que mostraron o súa desconformidade. Por outra banda, o acordo sobre os programas lúdicos e da Escola de verán contou co voto favorable de todos os asistentes, excepto, de novo, dos grupos políticos municipais do Bloque Nacionalista Galego e Espazo Común, e das ANPAS de Ventín, Agro do Muíño e Millapeques.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Ames va a informar sobre los importes del comedor en los tramos más altos antes de llevarlos a pleno"
La Voz de Galicia: "Ames pacta la subida del comedor a rentas altas y su actualización anual"