Pestanas principais

A Concellaría de Cultura programa un novo ciclo de cine coa proxección dos filmes O Corno e Salta

Martes, 24 de outubro de 2023

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, programa un novo ciclo de cine durante o mes de novembro no que se proxectarán os filmes O Corno, de Jaione Camborda, que gañou a Concha de ouro á mellor película no Festival de cine de San Sebastián 2023; e Salta, de Olga Osorio, unha longametraxe que adapta a curta Einstein-Rosen, realizada previamente pola propia directora. Ambas as dúas proxección serán no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro os martes 7 e 14 de novembro ás 20.00 horas. Ao final das proxeccións haberá un coloquio coas directoras dos filmes. As entradas xa se poden adquirir a través da Billeteira electrónica.

A Concellaría de Cultura volve a programar un novo ciclo de cine, desta volta durante o outono. Ese novo programa cultural súmase a outros programados anteriormente como “Abril de cine” ou o ciclo “Mestre Mateo”. Neste caso proxectaranse dúas longametraxes os martes 7 e 14 de novembro, ás 20.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro.

O alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, destaca “que se vai seguir apostando por este tipo de programación porque se ten demostrado que funciona moi ben entre a veciñanza. Neste caso vanse proxectar dous filmes dirixidos por dúas mulleres galegas, polo que dende o Concello seguimos apostando por achegar diversas pezas audiovisuais do cine galego e nacional á veciñanza amesá”.

Cine de outono
O martes 7 de novembro, ás 20.00 horas, proxectarase o filme O Corno, dirixida por Jaione Camborda, e que gañou a Concha de ouro á mellor película no Festival de cine de San Sebastián 2023. Esta longametraxe está ambientada na Illa de Arousa de 1971. María é mariscadora pero tamén é coñecida na illa por axudar a outras mulleres nos partos con especial dedicación e coidado. Despois dun inesperado suceso, María vese obrigada a fuxir e comeza unha perigosa travesía que lle fará loitar pola súa supervivencia. Na procura da súa liberdade, María decide cruzar a fronteira por unha das rutas de contrabando entre Galicia e Portugal.

Por outra banda, o martes 14 de novembro, tamén ás 20.00 horas, proxectarase o filme Salta, de Olga Osorio. Trátase dunha longametraxe que adapta a curta Einstein-Rosen, realizada previamente pola propia directora. Óscar e Teo (13 e 10 anos) son dous irmáns, moi diferentes entre si, que viven nun modesto piso de barrio. É o verán de 1989. Teo é un afeccionado ao fútbol e un pouco traveso, Óscar é un sabeo-todo, que prefire pasar as tardes de verán estudando a teoría da relatividade. En realidade, cada un trata ao seu xeito a desaparición da súa nai, unha prometedora científica obsesionada cos buratos de verme.

Ao final de ambas as dúas proxeccións farase un coloquio no que participarán as directoras dos dous filmes: Jaione Camborda e Olga Osorio. As entradas xa se poden adquirir a través da Billeteira electrónica.

Novas relacionadas:

Ames Go: "O Corno proxectarase no Milladoiro"

Cartaz do ciclo cine de ouono

Multimedia

  • Cartaz do ciclo cine de ouono
  • A Concellaría de Cultura programa un novo ciclo de cine coa proxección dos filmes O Corno e Salta
  • A Concellaría de Cultura programa un novo ciclo de cine coa proxección dos filmes O Corno e Salta