Pestanas principais

A Concellaría de Deportes organiza unha nova iniciativa para este Nadal, a Gladiator Race Kids

Luns, 16 de decembro de 2024

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, organiza para o sábado 28 de decembro unha nova iniciativa que se enmarca na programación de Nadal de 2024. Trátase da primeira edición da Gladiator Race Kids, que se vai a realizar na área deportiva do Milladoiro a partir das 16.30 horas. Esta actividade está pensada para nenos e nenas de 3 a 12 anos. Os menores poderán ir acompañados dun adulto. Haberá 250 prazas polo que é preciso inscribirse a través desta ligazón. A inscrición é gratuíta e inclúe a participación no evento, seguro e unha medalla por finalizar. O prazo de inscrición estará aberto ata o 25 de decembro ás 23.59 horas.

Unha Gladiator Race é unha carreira diferente, onde os/as participantes teñen que superar diferentes obstáculos, e ao mesmo tempo se divirten e practican deporte. A Gladiator Kids que organiza o Concello Ames está pensada para que os máis pequenos da casa poidan gozar dun día en familia facendo deporte. É unha carreira para nenos/as sen carácter competitivo organizada pola empresa NOKAO, que se realizará na área deportiva do Milladoiro. O percorrido estará marcado e sinalizado.

A concelleira de Deportes e Promoción da Saúde, Susana Señorís, destaca que “a realización da primeira Gladiator Kids é unha nova iniciativa para este Nadal, que está dirixidas a nenos e nenas e as súas familias. Trátase dunha carreira familiar para pasar unha tarde diferente e divertida, con actividades que poñerán a proba a rapaces e rapazas”.

Dita proba vaise realizar o 28 de decembro a partir das 16:30 horas. Na proba poderá participar calquera neno/a que o día da celebración da proba teña cumprida a idade comprendida de 3 a 12 anos e que acepte o regulamento da proba no momento de formalizar a inscrición. O límite de prazas é de 250. Debido a isto é necesario inscribirse a través desta ligazón. O prazo de inscrición estará aberto ata o 25 de decembro ás 23.59 horas.

Dependendo da idade do/a participante terá que realizar un percorrido diferente:
-Franxa de nenos/as 3-5 anos: percorrido de 500 metros aproximadamente.
-Franxa de rapaces e rapazas 6 a 11 anos: percorrido de 900 metros aproximadamente.

Horarios e saídas da carreira
A proba empezará ás 16:30 horas mediante o sistema de quendas. Cada cinco minutos sairá unha quenda composta por un máximo de 15 nenos/as. Dous días antes do evento enviarase a cada participante o horario e quenda na que participará. Ao ser unha proba de carácter lúdico e benéfico e non competitiva, non se realizará ningún tipo de cronometraxe por chip ou similar e entregarase un obsequio a cada participante ao finalizar a proba.

A Gladiator Kids é unha carreira exclusiva para menores, pero estes poderán ir acompañados dun adulto ao longo do percorrido. Os adultos non poderán superar os obstáculos senón só acompañar e axudar ao menor. Deberán situarse detrás ou á beira do mesmo e será imprescindible o respecto e fair play quedando prohibidas accións como gritar, insultar, empuxar ou arrastrar a calquera participante.

A Concellaría de Deportes organiza unha nova iniciativa para este Nadal, a Gladiator Race Kids
Descargas: 

Multimedia

  • A Concellaría de Deportes organiza unha nova iniciativa para este Nadal, a Gladiator Race Kids