- Tematica
Desde o inicio da pandemia motivada pola Covid-19 e ao longo de todo o ano 2020, desde o goberno de Ames, a través da Concellería de Economía e Facenda, puxéronse en marcha un Plan de Medidas Tributarias Covid-19 que incluían diversas actuacións en materia tributaria en colaboración coa Deputación da Coruña, como foi a implementación de medidas de flexibilización dos fraccionamentos/aprazamentos de débedas, derrogación de ordenazas que afectaban a sectores moi castigados pola crise, ampliación de períodos de pago de impostos e taxas públicos e posta en marcha do Calendario Fiscal.
Desde o Concello instouse á Deputación da Coruña, ente no que o Concello ten delegados desde o 2012 a recadación dos tributos: Imposto Bens Inmobles (IBI), IAE (Imposto Actividades Económicas (IAE), Imposto vehículos tracción mecánica (IVTM), Imposto Plusvalía, Taxa Vados, Terrazas e Mercadiños, solicitando por escrito o 15 de abril de 2020 que se puxeran en marcha medidas tributarias de ampliación de períodos de pago en relación ao Sistema Especial de Pagamento do IBI e ampliación dos dous períodos de voluntaria destes impostos e taxas, demandas que foron aceptadas pola Deputación.
Posteriormente, o 18 de maio de 2020, o Concello enviou novamente á Deputación un escrito onde solicitaba a ampliación e reforzo de medidas para flexibilizar o pagamento dos tributos e propoñía á Deputación o establecemento dun Plan Personalizado de Pagos, que permitise aos contribuíntes facilitar durante todo o ano natural o pagamento dos seus impostos, permitindo así planificar as súas obrigas tributarias en prazos preestablecidos en función da súa situación económica e dispoñibilidades. A esta demanda a Deputación contestou que estudaría a proposta e que se as circunstancias derivadas da Covid-19 así o aconsellaban sería tida en conta.
Recentemente nunha xuntanza que mantiveron o, ata onte, alcalde de Ames, Jose Miñones e a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, co Deputado de Economía da Deputación, Antonio Leira, e o Tesoureiro da Deputación, Enrique Calvete, informaron ao Concello da aceptación da proposta e que se poría en marcha de inmediato.
Novo sistema de pagamento en dous prazos sen xuros de mora
Póñense en marcha dúas novas medidas, por un lado o establecemento dun novo sistema de pagamento para todos os recibos en dous prazos sen xuros de mora. Recordar que este sistema especial de pagamento xa fora solicitado por Ames para o Imposto de Bens Inmobles (IBI) e estaba implantado desde o ano 2017 no noso Concello. Agora este modelo de pagamento esténdese para todos os recibos que ten delegados o Concello e xestiona a Deputación da Coruña, e faise extensivo a todos os Concellos da Provincia.
Sistema especial de pagos individualizado
Por outro lado, e aceptando a proposta que se enviara desde o Concello de Ames o 15 de maio de 2020 e reiterando a mesma o 17 de xaneiro, de 2021, implántase o Plan Especial de Pagos Individualizado establecendo un sistema especial de pagamento de cotas por recibo podendo realizar o pagamento de un ou varios impostos de carácter periódico, coma o IBI ou IVTM, a elixir polo contribuínte, en 10 mensualidades o día 5 de cada mes sen xuros demora a partires do ano 2022, e este primeiro ano de vixencia 2021 serán 7 mensualidades.
Ditas medidas foron publicadas no BOP do lúns 29 de marzo de 2021 e entrarán en vigor hoxe, 30 de marzo de 2021. Os contribuíntes interesados en acollerse ao pago a prazos ou en dous prazos poden solicitalo en liña ata o 30 de abril na Oficina Virtual Tributaria (OVT) ou de forma presencial en calquera das oficinas tributarias da Deputación.
Será requisito indispensable para acollerse a estes dous sistemas de pagamento ter domiciliado os recibos e non ter débedas pendentes de pagamento en período executivo. As e os contribuíntes interesados/as en acollerse a este plan individualizado deberán presentar a súa solicitude antes do día 30 de abril de 2021. Poderán solicitalo a través da web da Deputación (Servizos Tributarios/Impresos), da Oficina Virtual Tributaria (OVT) ou en persoa a través de calquera das oficinas tributarias da Deputación da Coruña.
Os modelos de solicitude poden solicitarse tamén a través do teléfono gratuíto 900 132 204 ou do correo electrónico atencion.tributaria@dacoruna.gal.
Para calquera dúbida ou consulta, a Deputación mantén aberto o Servizo de Atención ao Contribuínte a través do teléfono gratuíto 900 132 204 e do correo electrónico atencion.tributaria@dacoruna.gal, así como a Oficina Virtual Tributaria na que se poden realizar trámites, consultas e xestións as 24 horas do día, os 365 días do ano.
A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, destaca que “ Desde o Concello de Ames conscientes da difícil situación que están a atravesar moitas familias pola situación que estamos vivindo provocada pola Covid-19, seguimos a ampliar e poñer en marcha medidas que flexibilizan os pagos dos tributos establecendo este Plan Personalizado de Pagos que permitiría flexibilizar o pago dos tributos que máis gravan ao ao contribuínte, como é o caso do IBI, así como a posibilidade de dividir os recibos en dous prazos sen xuros “.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "La Diputación permitirá pagar en 10 mensualidades los tributos de vehículos y el IBI"