Pestanas principais

A Concellaría de Igualdade programa dúas masterclass de empoderamento sexual

Venres, 16 de abril de 2021

“Calquera muller debería poder sentirse libre para decidir que facer co seu corpo ou a súa vida sexual sen sentir temor, culpa ou vergoña”. Deste xeito presentase o díptico informativo co que a concellaría de Igualdade anuncia as masterclass de psicoloxía e sexualidade feminina que terán lugar o 19 e o 27 de abril entre as 11:00 e as 13:00 horas na Casa de Cultura de Bertamiráns. A actividade chega a Ames a través dunha subvención do “Pacto de estado” e co lema “Ames en Igualdade: empoderamento sexual feminino”. A inscrición é gratuíta e pode facerse a través do enderezo electrónico infoigualdade@gmail.com ou do whatsapp 682 660 580. O aforo é limitado.

A campaña de información “Ames en Igualdade: empoderamento sexual feminino” chegou ao concello coincidindo coa I Feira do Ben-Estar que se desenvolveu no Pazo da Peregrina a pasada fin de semana. Neste marco instalouse a caravana itinerante informativa que complementa ás clases de psicoloxía e sexualidade para mulleres que en Ames se desenvolverán o luns, día 19 e o martes, 27 de abril.

As campaña basease na premisa de que “moitas mulleres aínda manteñen unha relación de estrañeza, confusión e rexeitamento cara ao seu propio corpo”, segundo comenta a concelleira de Benestar, Luisa Feijóo: “Falar de sexualidade case nunca foi un tema fácil, máis ben todo o contrario e sobre todo si es muller. Aínda está considerado como un tabú social , como si as mulleres non tivésemos dereito a sentir pracer, pero si obriga de dalo. Reprimidas, xulgadas e cousificadas ao longo da historia, isto unido ás mensaxes socioculturais e relixiosas e a ausencia dunha educación sexual de calidade e sumado en moitos casos a experiencias negativas ou traumáticas, provoca unha grande inseguridade persoal en moitas mulleres e que se asimilen con facilidade estereotipos, prexuízos e falsas crenzas. Todo isto fai que as mulleres tamén teñamos que loitar pola liberdade e o emponderamento no terreo sexual”.

“Non todas coñecemos o noso corpo -engade a concelleira- tampouco se nos ensina a facelo, de aí a importancia de ensinar ás mulleres a conectar coa súa sexualidade. Trátase dunha viaxe de transformación para a muller no que inflúe a educación, os estereotipos... para chegar a nosa propia sexualidade, o coñecemento do noso propio corpo e da nosa mente”. “Xa é hora de rachar barreiras, de compartir, de falar alto e claro, de soltar os nosos medos, vergoñas e tabús”, conclúe Feijóo.

O díptico preparado polo departamento de Igualdade da pautas sobre as actitudes a adoptar para lograr ese empoderamento e resume en 10 tips as recomendacións para acadar unha vida sexual plena e satisfactoria. Fala de seleccionar rigorosamente as fontes de consulta e reducilas a expertos/as; incide na necesidade de escoller o modelo sexual propio; abandeira o lema “o teu corpo é o teu aliado”; recomenda adestrar a mente e xestionar ben as emocións. Matiza que en materia de sexo non hai normas preestablecidas nin límites ao pracer; enxalza os valores de dignidade, respecto e autoestima como cimentos para que a sexualidade sexa segura, satisfactoria e realmente pracenteira; conmina á comunicarse coa parella e a chegar a acordos nas relacións sexuais: “a túa parella non ten porque adiviñar o teu pensamento”; e, por último, convida ás mulleres a cumprir fantasías persoais ou compartidas, sempre baixo a premisa do respecto a unha mesma e aos/as outros/as.

A campaña “Empoderamento sexual feminino en igualdade” inclúe mensaxes como “Apaga o interruptor da racionalidade e acende o da fantasía e a luxuria”, “A saúde sexual é importante: máis vale previr que curar” ou “Os teus mínimos son en realidade a base de todo”. Toda a campaña está orientada a mellorar a saúde sexual das veciñas de Ames.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Dos clases magistrales para que las amienses desaten su sexualidad"

Caravana de información itinerante