Pestanas principais

A concellaría de Medio Ambiente está desenvolvendo unha campaña sobre a sensibilización ambiental e a importancia de recoller os excrementos das mascotas

Mércores, 20 de abril de 2016

[20-04-2016] A concellaría de Medio Ambiente deseñou unha campaña que se divide en dúas fases, para concienciar aos propietarios de mascotas da importancia de recoller os excrementos dos seus animais. Na actualidade estase desenvolvendo a primeira fase desta iniciativa, a través da cal se fomenta unha convivencia responsable e cívica. Posteriormente, a partir de agosto, porase en marcha unha segunda fase que se centrará na vixilancia e que levará aparelladas sancións sobre aquelas persoas que non cumpran a normativa. A campaña quere incidir e insistir sobre os riscos sanitarios e ambientais que supón o abandono de excrementos na rúa e nas zonas verdes. Paralelamente, organizouse un concurso de debuxo ambiental para o deseño do cartel que se emprega nesta campaña. Nerea Quintáns Iglesias é a gañadora deste concurso de debuxo.

Os problemas derivados de deixar os excrementos das nosas mascotas no chan son variados. Principalmente, isto ocasiona problemas sanitarios -os excrementos son focos de infección, podendo transmitir enfermidades ás persoas, especialmente aos máis pequenos, ou a outros animais- e ambientais -o seu abandono provoca contaminación acuática, ademais de visual e olfactiva-. Os excrementos deixados nas rúas ou nas zonas verdes dificultan ademais as labores de limpeza, e supoñen un perigo para as persoas, que poden esvarar con eles.

Debido a iso a concellaría de Medio Ambiente puxo en marcha unha campaña para tratar de implicar á veciñanza amesá e concienciar ás persoas que son propietarias dalgunha mascota da importancia que ten limpar e recoller os excrementos dos seus animais. A través desta iniciativa preténdese marcar un punto de inflexión comezando polo cumprimento da normativa, establecida na Lei 1/1993 de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade, que garantan por parte de todos uns espazos públicos limpos e protexidos.

A concelleira de Medio Ambiente, Catuxa García, explica que “o Concello leva facendo un seguimento a esta problemática, organizando campañas de concienciación que conseguiran diminuír estas prácticas, pero lonxe de solucionar o problema e debido á persistencia dos malos hábitos dalgúns propietarios, intensificáronse os abandonos das defecacións de mascotas na vía, incrementando a sucidade das rúas e prazas municipais. Con esta nova iniciativa de sensibilización preténdese apelar ao civismo e a responsabilidade”.

Campaña de vixilancia e sanción
A partir do mes de agosto desenvolverase a segunda parte desta iniciativa. Deste xeito, o incumprimento da normativa, tipificada como infracción leve, vai conlevar sancións a todas aquelas persoas que non respecten a súa obriga de recoller os excrementos dos seus cans. As sancións económicas irán dende os 100 ata os 500 euros, segundo se recolle na modificación de lei  1/93da lei 8/2014 de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade, na que se citan as mencionadas sancións. Os ingresos procedentes das sancións impostas polos órganos competentes da administración xeral da comunidade autonómica por infraccións da devandita lei deberán destinaranse a actuacións que teñan por obxecto o fomento da protección de animais.

A concelleira de Medio Ambiente destaca que “con esta campaña quérese concienciar sobre a tenza responsable e consecuente a aqueles propietarios de mascotas que non cumpren coas súas obrigas. É especialmente preocupante este problema na localidade do Milladoiro. Buscamos levar a cabo accións que fomenten unha convivencia axeitada e que evite os conflitos entre os veciños e veciñas de Ames”.

Concurso de debuxo ambiental
A concellaría de Medio Ambiente implicou nesta campaña aos mozos/as do concello, de maneira que o alumnado de secundaria dos institutos do Concello de Ames participaron nun concurso de debuxo ambiental para o deseño do cartel desta campaña. Pretendíase que a través dos mozos/as se tomara conciencia das consecuencias ambientais do abandono dos excrementos, e que se implicaran dunha maneira activa nas posibles solucións, plasmándoo artisticamente a través da súa visión e creatividade.

Unha vez valorados os debuxos presentados polo alumnado participante as premiadas foron Nerea Quintáns Iglesias, alumna de 2º ESO do IES de Bertamiráns, que obtivo o primeiro premio e recibirá 100 euros. Na segunda posición quedou Inés Suárez Iglesias, alumna de 3º da ESO do IES de Milladoiro, que obterá un premio de 75 euros; e a terceira posición foi para María Angélica Álvarez Estévez, alumna de 4º ESO do IES de Bertamiráns, e que será galardoada con 50 euros.

O debuxo gañador, pertencente a Nerea Quintáns, foi editado pola concellaría de Medio Ambiente e utilizado para ilustrar a campaña de sensibilización ambiental que estes días sairá á rúa.

Contido relacionado


El Correo Gallego:"Sensibilización sobre los excrementos caninos y, a partir de agosto, sanciones"