Pestanas principais

A Concellaría de Mocidade organiza unha “Finde na neve” en Leitariegos para o mes de febreiro

Venres, 03 de xaneiro de 2025

A Concellaría de Mocidade, a través do departamento de Xuventude, organiza unha nova actividade dirixida á mocidade amesá, “Finde na neve”. A iniciativa, que leva realizándose xa 4 anos, desenvolverase entre o 7 e o 9 de febreiro na estación invernal de Leitariegos, en León. Esta edición ofértanse un máximo de 40 prazas para a mocidade nada entre o 1994 e o 2009. Aínda que teñen preferencia as persoas empadroadas en Ames, as prazas que queden libres poderán ser ocupadas por persoas doutros concellos. O prazo de inscrición abre este mércores 8 e estará aberto ata o 16 de xaneiro. O custo da actividade é de 158 euros e inclúe transporte, a estadía, manutención, forfait, alugueiro de material de esquí, curso de 4 horas, entre outras cuestións. Pódese descargar a solicitude de inscrición na seguinte ligazón.

“Finde na neve” é unha actividade que pretende fomentar un ocio saudable, diferente e de contacto coa natureza entre a mocidade, así como facilitar a posibilidade de coñecer outra xente nova do municipio e fortalecer as experiencias conxuntas. A saída realizarase, como vén sendo habitual, na estación invernal de Leitariegos, en León, na segunda fin de semana do mes de febreiro, entre o día 7 e o 9. Pódese consultar as bases da actividade na seguinte ligazón.

O prezo é de 158 euros e inclúe o desprazamento ida e volta en autobús, o aloxamento e pensión completa de 3 días e 2 noites no albergue turístico El Cordal Laciana (comezando coa cea do venres e rematando coa comida do domingo), forfait e alugueiro de material de esquí durante dúas xornadas (incluíndo esquís, botas, bastóns e casco), curso de esquí de 4 horas, seguros e monitores.

Ofértanse un máximo de 40 prazas para a mocidade de Ames nada entre os anos 1994 e 2009, sendo 25 o mínimo de persoas necesarias para realizar a actividade. Cómpre destacar que, á hora de inscribirse, terán preferencia os mozos e mozas empadroados no concello mais, no caso de non cubrirse todas as prazas con persoas empadroadas en Ames, poderán inscribirse mozos e mozas doutros concellos.

Inscrición
O prazo de inscrición vai dende o mércores 8 e estará aberto ata o xoves 16 de xaneiro e, así mesmo, as prazas serán cubertas por rigorosa orde de inscrición no rexistro. A solicitude poderá facerse de xeito presencial en calquera administración pública adherida á plataforma de intercambio rexistral (SIR) ou de maneira telemática a través da Sede Electrónica. Pódese descargar o impreso de inscrición na seguinte ligazón.

Para a solicitude é necesario presentar a ficha de inscrición cuberta e asinada, xunto con fotocopia do DNI do participante (no caso de ser menor haberá que adxuntar tamén o do pai/nai/titor-a), copia da tarxeta sanitaria e certificado médico.

A lista final de participantes publicarase na páxina web municipal o 20 de xaneiro e nos taboleiros oficiais do concello.

Custo e pagamento
O custe final da actividade é de 158 euros. Este prezo inclúe transporte, estadía, manutención, forfait, alugueiro do material de esquí, curso de 4 horas, etc. O transporte e parte do custe das prazas serán financiados pola propia Concellería de Xuventude.

O abono da actividade, e deste xeito formalizar a inscrición, só se deberá facer despois de que o departamento de Xuventude confirme a obtención da praza. Unha vez confirmada, enviarase o impreso de pagamento (autoliquidación) ao correo electrónico facilitado na folla de inscrición. Neste documento indicaráselle o prazo no que debe realizarse o pago.

En caso de dispor de certificado dixital ou DNI electrónico, poderase descargar a autoliquidación a través do enlace Oficina Virtual Tributaria que figura na web municipal ou a través da banca electrónica de ABANCA. De non aboar o importe no prazo establecido, considerarase baixa inmediata no servizo sen posibilidade de recuperar os importes aboados, agás causa xustificada.

Contarán coa exención do 100% da taxa aqueles casos de emerxencia social, que conten con resolución do Concello de Ames, tendo en conta o previsto no artigo 11.7 da Ordenanza Fiscal Xeral de xestión, recadación e inspección dos tributos e doutros ingresos de dereito público do Concello de Ames e o regulamento de emerxencia social do Concello. Neste caso, deberase anexar a documentación específica que acredite esta condición mediante informe dos servizos sociais municipais.

A Concellaría de Mocidade organiza unha “Finde na neve” en Leitariegos para o mes de febreiro

Multimedia

  • A Concellaría de Mocidade organiza unha “Finde na neve” en Leitariegos para o mes de febreiro