Pestanas principais

A Concellaría de Mocidade organiza unha nova edición do curso de monitor de tempo libre

Mércores, 25 de decembro de 2024

O Concello de Ames, a través do departamento de Xuventude, organiza unha nova edición do curso de monitor de tempo libre que, desta volta, terá unha duración de catro meses e desenvolverase entre os meses de febreiro e maio. As clases impartiranse no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, en horario de 9.00 a 14.00 e de 15.30 a 20.30 horas os sábados e domingos. O curso está dirixido a maiores de 18 anos que posúan o título de educación secundaria ou equivalente, ou o título de técnico auxiliar en formación profesional. En total, ofértanse un máximo de 25 prazas e o curso ten un prezo de 172 euros por alumno/a. Pódense consultar as bases da convocatoria deste ano na seguinte ligazón.

O Concello de Ames, a través do seu departamento de Xuventude, organiza de novo o curso de monitor de tempo libre, unha formación con moitas posibilidades cara o mundo laboral, na que se impartirán contidos moi amplos, como as dinámicas de grupo, a psicoloxía, a saúde ou educación ambiental, entre outras áreas.

A concelleira de mocidade, Carmen Porto destacou “que dende o Concello seguimos apostando por esta formación, na que ano tras ano, formamos a mozos e mozas en monitor de tempo libre. Un Concello como Ames ten que facer políticas para a xuventude, que atendan as súas inquedanzas e que lle sexan prácticas na súa vida diaria e útiles na vida laboral”.

Duración e fases do curso
A formación durará catro meses, desde o mes de febreiro ata maio, e consta de dúas partes, unha fase teórico-práctica de 200 horas e outra parte totalmente práctica dun total de 150 horas. A parte teórico-práctica constará de 40 horas en liña e outras 160 horas de clase presencial, en horario de 09.00 a 14.00 e de 15.30 a 20.30 horas durante as fins de semana. A asistencia é obrigatoria ao 80% das sesións impartidas neste bloque e, no caso de non facelo, o alumno/a perderá o seu dereito a ser avaliado. Por outra banda, para a obtención da cualificación nesta parte tamén se terá en conta a actitude, implicación e interese na formación, a capacidade de reflexión, pensamento crítico e perspectiva educativa e o traballo personalizado e individual.

A segunda fase do curso terá unha duración de 150 horas de formación práctica e consta de dúas modalidades; unha de 14 días nunha actividade de tempo libre (campamentos, albergues, campos de traballo, etc.) ou en 150 horas de actividade periódica dentro dunha entidade ou asociación que traballo no sector do tempo libre. O alumnado dispón dun prazo de dous anos para poder realizar as prácticas tras completar a fase teórica. Así mesmo, o alumno/a contará cun titor/a de prácticas que avaliará posteriormente o traballo.

Tras a realización das prácticas, o alumado deberá presentar unha memoria de elaboración propia na que narre e sintetice todas as actividades realizadas neste período de proba (valoracións xerais e particulares, memoria fotográfica...). Unha vez que se superen as dúas fases da formación, o alumnado deberá solicitar o título oficial á Xunta de Galicia, previo pago das taxas de expedición.

Inscrición e pagamento
O número de prazas ofertadas é limitado, cun mínimo de 15 participantes para a realización do curso ata un máximo de 25, e asignarase por rigorosa orde de inscrición no rexistro municipal. Na mesma liña, o prazo de inscrición estará aberto dende o vindeiro día 7 ata o 24 de xaneiro.

A mocidade interesada en realizar o curso deberán axuntar no rexistro municipal a ficha de inscrición cuberta, fotocopia do DNI e fotocopia da titulación académica. Así mesmo, aqueles que obteñan finalmente a praza, recibirán a través do correo electrónico a folla de autoliquidación para aboar o pagamento da formación.

Por outra parte, estarán exentos de pagar o curso un 10% de casos de emerxencia social declarados polo Concello de Ames, neste caso establécense 2 prazas do curso. Para máis información e dúbidas, pódese contactar co departamento de Xuventude no enderezo electrónico xuventude@concellodeames.gal.

A Concellaría de Mocidade organiza unha nova edición do curso de monitor de tempo libre